Oito millóns para crear unha senda e o saneamento do regato dos Muíños

Barbadás, San Cibrao e A Merca únense para “impulsar un novo modelo e mellorar a vida da xente”

Os concellos de Barbadás, San Cibrao e A Merca presentaron onte un proxecto no que levan traballando dende o 2021 que consiste na mellora da depuración e a humanización das marxes do regato dos Muíños, que pasa polos tres concellos. Así, presentarán esta iniciativa, que roza os oito millóns de euros de inversión, á convocatoria dos Fondos de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea.

No caso da depuración de auga, que leva o 80% dos fondos neste proxecto, contémplase a “análise da rede de saneamento e depuración co obxectivo de mellorar o servizo e dar solución a diferentes problemáticas que presentan os puntos da rede”. No caso de Barbadás, proponse actuar en cinco puntos que afectan a 7.400 veciños; en seis en San Cibrao que afectan a un milleiro de residentes e ata 11 foxas na Merca, que afecta ás augas de algo máis de 2.200 persoas. A intervención máis importante será a creación dun tanque de tormentas, que concentra 3,3 millóns de euros de inversión. A creación desta infraestrutura “resulta necesaria para que lamine as augas durante os períodos de choiva, enviando cara a depuradora de Reza o caudal máximo consignado e minimizar os alivios ao medio en materia de contaminación”.

 No caso da humanización deste regato, o proxecto propón a creación dunha senda peonil e ciclista de máis de 12 quilómetros, que terá un orzamento de 1,5 millóns de euros. Ademais da construción do paseo, a iniciativa tamén contempla a roza e limpeza das marxes do río para reducir o risco de desbordamento, a plantación de árbores autóctonas, e a colocación de de paneis informativos, papeleiras, bancos ou fontes por todo o itinerario. Concretamente, dos 12 quilómetros deste paseo, seis estarán en San Cibrao, catro en Barbadás e dous na Merca.

"Grande ilusión"

Na presentación deste proxecto participaron Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás, Manuel Pedro Fernández, o seu homólogo en San Cibrao, e José Manuel Garrido, rexedor da Merca; presentados pola tenente de alcalde de Barbadás, Victoria Morenza. Esta última subliñou que o obxectivo final deste proxecto é “impulsar un novo modelo de desenvolvemento que mellore a calidade de vida da veciñanza e a resiliencia fronte o cambio climático”. Pola súa banda, Valcárcel  explicou que esta estratexia conxunta “entre tres concellos de diferentes cores políticas”, servirá como base  “para o desenvolvemento de intervencións futuras que contribuirán á mellora do ecosistema fluvial e a súa integración coas contornas urbanas dos tres concellos”.

O primeiro edil de San Cibrao destacou a importancia do proxecto porque “permite mellorar as augas do río polo que transcorre”. En consecuencia, mellorará o estado do río no que desemboca, o Barbaña, que pasa por San Cibrao e polo que o concello recibe multas por vertidos cada ano. Por último, definiu a estratexia en conxunto de “ambiciosa e boa para a veciñanza e a calidade das augas”.

Para rematar, Garrido asegurou que se trata “de coidar o que temos” e engadiu que “é unha actuación en favor da natureza e da veciñanza”. Ademais, Garrido incidiu en que lle causa “unha grande ilusión este proxecto” nado da “colaboración cos outros dos concellos”.

Te puede interesar