Un monumento esquecido: a Ponte Loña

Ponte Loña.
photo_camera Ponte Loña.
Cando teñan ocasión, visiten a Ponte Loña, porque van gozar del e da paraxe onde radica

O val de Ourense está formado por tres ríos, o Miño e os seus dous afluentes principais, o Loña e o Barbaña. O máis relacionado co historia da cidade é, sen dúbida, o Barbaña, moi presente dende os inicios.

Tardamos moitos dos séculos en achegarnos ao Miño, ao que abrazamos despois de anexionar o Concello de Canedo en 1943. Pero, como ben saben, alí onde rematan As Lagoas desauga o río Loña, que ven abríndose paso dende as ladeiras da Cabeza de Meda e formando, no encontro, co Miño unha das paisaxes máis fermosas que podemos ver na cidade.   

Para salvar este o río xunto á poboación homónima, precisamente nun lugar en que uns potentes afloramentos graníticos estreitan o curso, ergueuse unha ponte, a “Ponte Loña”, monumento ás veces esquecido polos ourensáns. O seu único arco, lixeiramente apuntado, é de estilo gótico. Case ten unha luz -anchura máxima entre os apoios- de 13 m. O taboleiro -superficie pola que se transita- é estreita, superando lixeiramente os 3,50 m. A súa edificación, como mínimo no medievo, está ademais a testemuñar a existencia de un vello camiño ao que facía servizo e que comunicaba a cidade de Ourense coas terras de Monforte por Os Peares. Como dicía a investigadora Elisa Ferreira “El camino de Orense cruzando el puente sobre el Lonia, y sigue subiendo por la orilla izquierda del Mino hasta llegar a la altura de Santa Cristina de Vilariño...” , “...llegando a la confluencia del Sil y del Bubal con Los Peares”. Algúns investigadores datan tal camiño nos séculos XII-XIII e hai que afirma que o itinerario -que non a ponte actual- podería remontarse á época romana.

Esta foi restaurada en 1987 polo enxeñeiro Manual Durán Fuentes e no equipo de traballo integrouse o arqueólogo Luis Orero Grandal, que realizou o seguimento de todas as obras, financiadas e promovidas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Anos atrás, a tese de doutoramento de Xesús Ferro Couselo, publicada en 1952 co título de “Los petroglifos de término y las insculturas rupestres de Galicia. Ourense”, recollía varias inscrición nesta ponte, entre elas a palabra “CRISTO”, que o desgaste actual non permite constatar, como tampouco puido o arqueólogo Luis Orero nos seus traballos da década de 1980. A data máis antiga que hoxe temos para o monumento é do século XIII, concretamente do ano 1238. A recolle o coengo Emilio Duro Peña na súa recompilación de documentos do Arquivo da Catedral de Ourense entre os anos 888 e 1554. A intervención arqueolóxica permitiu recuperar materiais, tanto de indubidable factura romana, como doutras épocas, algún do século II d. C. Sen embargo, como afirma Orero Grandal, poden proceder dos arredores. A Ponte Loña é claramente medieval, edificada nun momento próximo á citada data de 1238, pese a que experimentara modificacións en séculos posteriores. 

Cando teñan ocasión, visiten este monumento, porque van gozar del e da paraxe onde radica, aínda que agora estea excesivamente modificada. Moi cerca poderán ver as ruínas dun muíño que Manuel Malingre Parmentier construíu como central hidroeléctrica para levar a enerxía á factoría do vello Campo da Feira, actual Parque de San Lázaro. Pero desafortunadamente a ponte tampouco se libra dos graffitis, nunha reprobable actitude que confunde a arte co vandalismo. 

Te puede interesar