TEATRO

A Mostra de Teatro de Ourense estrea monicreques para adultos de Brasil e danza xaponesa con música tradicional galega

Despois das actuacións de 31 compañías de 9 países, Xan Cejudo terá unha homenaxe que pechará a 19 edición no Principal.

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu) iniciará a súa edición número 19 o próximo 25 de abril e durante 15 días ofrecerá en varios lugares da cidade teatro, música, circo e cinema, con novidades como a actuación de seis actores de Brasil que manipulan e interactuar con monicreques e un taller e espectáculo da bailarina xaponesa Hisako Horikawa con coreografía sobre música tradicional galega da 'cantareira' Felisa Segade, de 'Leilía'.

A presentación do programa da Miteu correu a cargo do seu director, Fernando Dacosta, que estivo acompañado por representantes de todas as institucións --Xunta, Deputación e Concello de Ourense e Universidade de Vigo-- que cofinanciarán o evento, que conta cun presuposto total de 75.000 euros.

Dacosta iniciou a súa intervención cun "compromiso cos descridos", recollida no programa impreso sobre a imaxe dun aramado de espiñas, e detallou novidades da 19 edición, como a inclusión por primeira vez dun espectáculo de monicreques para adultos, que correrá a cargo do grupo brasileiro 'Pigmaliao, escultura que mexe' co título de 'Filosfía de alcoba', sobre o texto homónimo do Marqués de Sade que ademais se representará por primeira vez en España o día 30 de abril.

Tamén destacou, polo seu carácter de fronteira e fusión, o espectáculo que protagonizarán Hisako Horikawa, fundadora dun laboratorio de arte corporal en Tokyo, e Felisa Segade, que porá música tradicional galega como base para a coreografía, o día 25 de abril no auditorio. A mesma bailarina impartirá senllos talleres de danza os días 26 e 27 de abril pola mañá no campus universitario.

TEATRO E LIBRO

O programa inclúe 31 compañías e grupos de Galicia e resto de España, ademais de Portugal, Brasil, Xapón, Exipto, Guinea Ecuatorial, Escocia, Italia, Angola entre outros países de catro continentes.

Ademais de grupos universitarios, haberá 21 compañías profesionais entre as que se atopan as actuacións previstas con carácter humorístico como a comedia musical que o día 26 de abril interpretará o galego José Carlos Illanes, no café Auriense da cidade, ou de ámbito cinematográfico como a proxección do documental exipcio "Azucre aparte" o día 8 de maio, na sede do cineclub Padre Feijóo.

Entre as actividades non teatrais estará a presentación do libro-CD 'Os contos de Joselín', que recompila os primeiros documentos sonoros do teatro galego datados entre 1929 e 1949. Correrá a cargo de Quico Cadaval, da autora do estudio, Laura Tato, e do editor Ramón Piñeiro, e terá lugar o día 5 de maio no campus universitario.

O programa ofrece ademais un concerto para escolares de secundaria o día 9 de maio e o peche, cun acto de clausura oficial o día 9 de maio no Teatro Principal, conterá unha homenaxe ao director e mestre teatral galego Xan Cejudo.

CIFRAS

Fernando detallou que o presuposto de 75.000 euros se destina aos cachés das compañías profesionais (un 26%), ao pagamento das viaxes das 303 persoas que chegarán a Ourense para protagonizar a Miteu (22,6%), a gastos hostaleiros (16%), a gastos de organización (8,5) e a promoción e imprenta (un 8% cada concepto). O 10,6 por cento restante serán retencións impositivas do Estado.

Estes gastos financiaranse coas achegas das institucións mencionadas e o obtido en taquilla, onde o custo das entradas oscilará entre os tres e os cinco euros.

Te puede interesar