As mulleres saen á rúa nas vilas para pedir igualdade

O Barco de Valdeorras aproveitou a xornada para dedicar unha praza a Clara Campoamor 

Ao largo da xornada de onte sucedéronse por toda a provincia os actos conmemorativos polo día Internacional da Muller. Así, en Porqueira, unha trintena de mulleres do pobo, representando a distintos colectivos profesionais e sociais, foron as protagonistas.  As participantes no evento, entre as que estaban a delegada territorial da Xunta; Marisol Díaz,  e a alcaldesa, Susana Vázquez, relataron a súa experiencia e logros no mundo laboral destacando que, neste sentido, tiveron que compaxinar a súa actividade profesional coas responsabilidades domésticas.

En Xinzo, a Concellería de Servizos Sociais, en colaboración coa Cruz Vermella, realizou unha actividade cos cativos de terceiro de primaria do colexio Rosalía de Castro baixo o lema "Coeducando en igualdade". Por outra banda, a corporación municipal participou nunha concentración diante do Concello e na lectura dun manifesto por parte da concelleira Silvia Blanco.

En Verín, un cento de persoas concentráronse diante do Concello para participar no Paro Internacional convocado para esta data e asistir á lectura do manifesto  elaborado para esta xornada.

O salón de actos do Carballiño encheuse de escolares, representantes de asociacións e veciños para participar no acto promovido polo Concello. Mentres, en Ribadavia, pola mañá tiña lugar na Praza Maior unha reunión espontánea, convocada polas redes, e pola tarde celebrábase a concentración convocada polo Concello.

En Castrelo de Miño, grupos de mulleres participaron ao longo do día en diversas actividades organizadas polo Concello.
No Barco de Valdeorras, o  Concello aproveitou a celebración do día Internacional da Muller para inaugurar unha praza diante dos xuzgados, que levará o nome de Clara Campoamor. Pola súa parte, na Rúa tivo lugar unha concentración pola mañá diante ca Casa do Concello, no que participou a alcaldesa, membros da Corporación municipal e varios veciños.

Te puede interesar