Cultura di non poder mantelo aberto pola imposibilidade de contratar

O museo de Arturo Baltar pecha por falta de persoal

O espazo expositivo adicado á obra de Arturo Baltar na praza de San Cosme e San Damián leva pechado dende a primavera, aínda que no Nadal de 2010 abriu para quedar dese xeito de forma ininterrumpida. Ata daquela, o famoso Belén tan só podía visitarse nas datas festivas do inverno, recibindo, na súa maioría, un público ourensán.
Co obxectivo de ofrecerlle esa mesma posiblidade ós turistas e ós propios veciños durante o ano completo, a Concellería de Cultura tiña optado por deixalo aberto, unha decisión que se mantivo ata hai uns meses.

Naquel momento, o Concello tivo que colocar a unha persoa no espazo expositivo para poder formalizar esa accesibilidade prometida. Dende o departamento de comunicación da Concellería de Cultura aseguran que tamén neste eido afectou o decreto do Goberno central que impide a contratación nas institucións públicas. Por iso, as portas do museo de Arturo Baltar tiveron que volver pechar e así continúan hoxe.

As previsións municipais sinalan que será no Nadal cando os ourensáns poidan achegarse de novo ó Belén por antonomasia da cidade e contemplar tamén o resto de retablos esculpidos polo artista. A novidade este ano será que a súa apertura non se limitará á epoca festiva, senón que se prolongará no inverno, 'se todo segue igual'. Durante esas semanas, 'desviarase para alí algún técnico do departamento de Cultura', segundo sosteñen dende o Concello.

Serán tamén os traballadores da Concellería os encargados de desenvolver a unidade didáctica prevista para realizar neste curso no espazo expositivo da praza de San Cosme. Deste xeito, aínda que o recinto permaneza pechado para as visitas ordinarias, os escolares da cidade poderán gozar das pezas de Arturo Baltar. O obxectivo, ademais de que os máis novos coñezan a traxectoria artística do ourensán, é tamén o de aportarlle dinamismo ó recinto.

Coa inauguración en decembro de 2010 culminaban 10 anos de actuacións nos que se investiron uns 400.000 euros. Na capela da praza do casco histórico, Arturo Baltar instalou o tradicional nacemento no ano 1982.

Te puede interesar