Día das Letras Galegas 2021

Música, teatro e ata un selo para enxalzar a Xela Arias

A provincia ten dous candidatos para adicarlle o 17 de maio de 2022: Tovar e Delgado Gurriarán

Ourense xa pensa nas Letras Galegas de 2022: Antón Tovar (Pereira, Rairiz de Veiga, 1921-Ourense, 2004) e Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, Estados Unidos, 1987) son os dous candidatos que reivindica a Atenas de Galicia para este premio que outorga a Real Academia Galega dende 1963 e que non recae nun ourensán dende 2017, cando recoñeceron a Carlos Casares. A poeta lucense Xela Arias foi a protagonista do día en toda a provincia e, pese a que o Concello de Ourense non organizase ningún acto, a xente da cultura e colectivos varios lembraron a escritora de Sarria con música, verbas, teatro ou fotografía.

A Sociedade Filatélica e Numismática Miño presentou onte un selo de Xela Arias nun acto de gran afluencia no Liceo. José Barros Cachaldora, presidente do colectivo, explicou que serán 250 exclusivos timbres para as misivas. “Pero poderá repetirse a tirada se se acaba. A xente pode poñerse en contacto coa sociedade para conseguilo”, apuntou Barros nun acto de homenaxe das Letras Galegas 2021, que acolleu unha mostra filatélica histórica nos corredoiros do Liceo.

Unha ollada a Rosalía, o Xacobeo, Carlos Casares como contador de historia ou poemas de Xela Arias son algunhas das coleccións filatélicas que se amosaron onte no Liceo, un anaco de historia sobre este acto que naceu para lembrar aos que tanto fixeron polas letras en Galicia.  A sociedade entregou diplomas a “pequenos” filatélicos. 

A Valenzá, no marco dos actos organizados pola Deputación de Ourense, tamén se acordou da poeta de Sarria. Pequenos e maiores desfrutaron da obra de teatro “Xela Arias fala coa natureza”, na praza das Labercas. Moi preto, os veciños de Loiro, a través do colectivo Loiro na Memoria, festexaron a Xela Arias con música. Na carballeira do seu museo etnográfico, os de Loiro viron un documental sobre a poeta e a agrupación “The Sastre” fixo unha versión teatral dalguns poemas da autora. “Os Fedellos” amenizaron a xornada con música tradicional galega. 

 

De Curros Enríquez a Casares, os 13 ourensáns das letras galegas

A Sociedade Filatélica Miño quere que o poeta Antón Tovar sexa o homenaxeado das Letras Galegas de 2022. Así o reivindicaron no acto de presentación do selo de Xela Arias. “Porque é ourensán e os ourensán pedimos para Ourense, os de Pontevedra pedirán para Pontevedra”, resume José Barros, presidente do colectivo.

 Non é a única proposta ourensá. No oriente da provincia xa traballan noutra candidatura: a de Delgado Gurriarán. Colectivos sociais e políticos de Valdeorras teñen en marcha o proxecto “As Letras de Florencio”, co obxectivo de que o poeta de Córgomo sexa recoñecido no Día das Letras Galegas de 2022. A iniciativa xa reúne videos e fotos dos veciños que defenden esta candidatura.  Ourense, berce dos intelectuais de Nós e chamada a Atenas de Galicia, acumula 13 homenaxeados no Día das Letras Galegas, desde a súa creación en 1963. En 58 anos de premio, o 20% dos galardoados son ourensáns.

O primero ourensán en recibir o Día das Letras Galegas foi Curros Enríquez, en 1967, catro anos despois da creación deste recoñecemento, que naceu cunha homenaxe a Rosalía de Castro. O seguinte ourensán en recibir o premio só tivo que esperar ao ano seguinte: en 1968, recoñecíase a Florentino López Cuevillas

A nómina de ourensáns continuou en 1972, co día adicado a Valentín Lamas Carvajal. Para o seguinte candidato houbo que esperar case unha década: en 1981, con Vicente Risco

Antón Losada Diéguez foi o quinto ourensán recoñecido, en 1985. Tres anos despois, en 1988, Ramón Otero Pedrayo. Un ano despois, en 1989, Celso Emilio Ferreiro. Seguiu a nómina con Eduardo Blanco Amor, en 1993. Tres anos despois, en 1996, un pontevedrés con gran pouso en Ourense, onde finou en 1975, facíase co premio: Xesús Ferro Couselo. O mesmo en 1999, cando se recoñeceu a Blanco Torres, que aínda que non é nado en Ourense, a súa vida vinculouse a Entrimo, onde morreu en 1999. O 2001 foi o ano de Eladio Rodríguez. Xaquín Lorenzo “Xocas” foi o penúltimo ourensán homenaxeado, en 2004. O último, Carlos Casares, en 2017.

Te puede interesar