Día das Letras Galegas 2021

A Insua encheuse da lírica da poeta de Sarria

Numerosas localidades desenvolveron lecturas da súa obra e outros espectáculos

Na Insua dos Poetas, un espazo natural e cultural da Esgueva de Madarnás, en Carballiño, celebráronse as Letras Galegas "Musicando versos de Xela Arias". Actuaron 4Mal Quartet Jazz, que puxeron a música ao recital dos poetas Rochi Nóvoa e Quico. O acto foi organizado pola Fundación Insua dos Poetas, contando co patrocinio da Deputación.

A institución provincial ofreceu en Ribadavia a comedia de teatro “Running” . Tamén houbo lectura da obra da autora de Sarria,  Xela Arias, ademais de un roteiro musical polas rúas con Nordés-Gaiteiros de Galiza. Así mesmo, desde o 17 ao 23 de maio terá lugar a Semana do Libro Galego, con descontos do 20%.

O Concello de Oímbra optou por poñer á disposición dos seus veciños libros en galego; e Turismo de Laza e un comercio local desenvolveron unha actividade na que 10 mulleres e 9 nenos leron pezas da autora homenaxeada. Mentres, no Concello de Verín, os gañadores dos certames de Poesía, Xosé Carlos Caneiro, e de relato curto, Antonio Fernández, leron as súas obras.

A compañía Xarope Tulú representou "Ti e mailo mundo que apañes", organizada a actividade polo Concello de Xinzo. Nesta xornada tamén houbo un mercado de libros con descontos. En Maceda, leuse un manifesto e varios textos da autora, e o alumnado da Escola Municipal de Música ofreceu varios pases. Os establecementos comerciais de Allariz colocaron nos escaparates versos en galego e pola tarde houbo teatro infantil.

O Barco tamén disfrutou do espectáculo "Ti e mailo mundo que apañes" e na Rúa actuou a banda de gaitas Abertal.

Te puede interesar