As nais proCAPD aspiran ao premio Campoamor

O PSOE de Ourense propuxo no Consello Municipal de Igualdade tamén á sindicalista que tivo un altercado con Jácome e á unidade Viogén

O Consello Municipal de Igualdade, celebrado onte, recolleu as propostas do PSOE para presentar como candidatas ao  XVII Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes ás “nais coraxe” da plataforma ProCAPD, á representante sindical Lola Panero que fora vítima dun altercado co alcalde e á unidade de Viogén da Subdelegación do Goberno.

No documento da proposta presentado onte, os socialistas encomian a “incansable loita” das nais da plataforma ProCAPD, que levan dende o ano 2016 reivindicando a construción e xestión pública do Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade.  En relación a Lola Panero, subliñan a súa implicación cos dereitos das traballadoras dende a acción sindical dende hai máis de 20 anos, así como a necesidade de “reparar o inescusable agravio ao que foi sometida por parte do alcalde Jácome en 2022”, cando realizaba o seu labor sindical ás portas da casa do Concello. “É unha oportunidade para restituír o seu honor e sentar exemplo”, incidiron.

Tamén se recolleron propostas de actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Te puede interesar