Nogueira renovou a rede eléctrica do seu Consistorio

Instalou tamén luminarias led para reducir a contaminación lumínica e o consumo enerxético

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou Nogueira de Ramuín para coñecer as melloras realizadas polo concello co apoio da Xunta, no marco do Fondo de Compensación Ambiental. 

A través desta liña de axudas dotada con máis de 11 millón de euros, o Goberno galego investiu o pasado ano 73.771 euros na renovación da instalación eléctrica e da iluminación da casa consistorial, e na contratación de persoal de mantemento dos espazos naturais.

Segundo sinalou a directora xeral, as obras executadas no edificio municipal teñen como obxectivo reducir a contaminación lumínica, garantir un mellor funcionamento dos equipos tecnolóxicos e reducir o consumo enerxético. Así, cambiáronse todos os elementos obsoletos da instalación eléctrica e instaláronse luminarias led, ademais de iluminación de emerxencia.

Canto á contratación do persoal de mantemento dos espazos naturais, Natalia Prieto indicou que co apoio a este servizo se busca facilitarlle ao concello o labor de limpeza e roce das masas forestais circundantes aos núcleos de poboación e ter así un maior control sobre a biomasa nos accesos, áreas públicas e faixas de protección.

Estes proxectos sumáronse en 2022 ao de conservación, reposición e restauración da contorna da serra e regato da Corveira, así como das beiras do río Loña, desenvolvido de xeito conxunto co concello do Pereiro de Aguiar e no que a Xunta colaborou con 15.000 euros. A maiores, e no marco da orde de infraestruturas de uso público, que está dotada con 3,5 millóns de euros, o Goberno galego destinou 33.600 euros á mellora, ampliación e cubrición do parque infantil da localidade.

Te puede interesar