“O noso espazo político é un escuro obxecto de desexo doutros"

<p></p>
photo_camera Fernández Leiceaga sostén que a unidade do partido está "garantizada".

Será o antagonista a Feijóo para impedir que fique un terceiro mandato en San Caetano. "Imos ter un resultado que en termos de representación vai ser semellante ao 20-D", aventura o profesor Leiceaga. 

En que momento se atopa o PSdeG e onde quere deixalo vostede como candidato á Xunta?

Partimos dunha situación pola que quedamos por detrás das mareas o 20-D. Eu pretendo colocalo como líder da oposición ao Partido Popular conseguindo encabezar o próximo Goberno da Xunta de Galicia. 

Quen é máis rival nestas eleccións, Podemos, quen atrae máis votos socialistas, o PP ou ambos?

Eu creo que o gran adversario é o PP. Pretendemos ser alternativa pero está claro que por votos da esquerda é Unidos Podemos. Tamén temos outros competidores noutro lado do espectro político.

Nunca se falou tanto da socialdemocracia, da súa identidade como partido, como nestas eleccións. 

Á parte de nós mesmos, tamén falan outros de nós. Somos o escuro obxecto de desexo de moitos partidos O noso espazo político é ese escuro obxecto de desexo. Eu creo que imos ser capaces de preservalo basicamente intacto. O que din todos os sondeos é que imos ser chave de calquera acordo de goberno e iso é de enorme importancia nun momento no que o espazo político global está tan fragmentado. 

Irrita que outros partidos se arroguen ese espazo?

Por unha parte é un orgullo pero pola outra o que sorprende é que sexa unha impostura. Non está mal ter máis socialdemócratas pero todas teñen cabida dentro do Partido Socialista. O que ocorre é que un líder político que se define como anticapitalista, populista ou socialdemócrata non ten credibilidade.

Cal é o mellor e o peor escenario para o PSdeG ante o 26-J?

Eu creo que imos ter un resultado que en termos de representación vai ser semellante ao 20-D. Se acadamos máis votos, mellor. 

A súa elección como candidato á Xunta foi ben recibida polos sectores á esquerda do PSdeG, ten sintonía cos alcaldes e os líderes de En Marea?

Entendo que En Marea viu con agrado que o PSdeG tivera unha intensa participación na súas primarias e o que o seu líder, como candidato á Xunta que son eu, tivera un amplo apoio. Nós imos facer un grande esforzo para construír un proxecto autónomo pero temos claro que hai que tender a man para tecer unha alternativa ao PP. Teño unha relación cordial con algúns dos líderes de En Marea pero creo que os acordos van depender das posicións políticas e non tanto das cuestións persoais. Esas cuestións poden servir para que haxa unha chamada para acordos determinados pero non son a chave.

Por que se decantaría vostede, por absterse para facilitar un goberno do PP ou tentar de novo un achegamento a UnidosPodemos?

O PSOE vai estar en condicións de encabezar unha alternativa ao PP. Despois, hai que analizar a aritmética para sermos capaces de construír un goberno estable. Temos capacidade para entendernos a ambos lados do espectro político. 

A unidade do PSdeG progresa axeitadamente ou necesita mellorar aínda?

Despois das primarias a unidade está garantizada. Falaron os militantes e do que se trata agora é de converter esa unidade nun instrumento operativo para obter un bo resultado nas autonómicas. 
 

Te puede interesar