XUNTA DE GOBERNO LOCAL

O número 12 da rúa da Barreira, en mans da Xunta para axeitalo como albergue de peregrinos

"É un proxecto estratéxico para este goberno municipal", en palabras do voceiro do grupo de goberno, José Araújo, "entre dous lugares emblemáticos como son As Burgas e a Praza Maior"

A xunta de goberno local do Concello de Ourense, celebrada esta mañá, resolveu un total de 30 asuntos achegados polas diferentes áreas municipais. Entre todas elas, o voceiro do grupo de goberno, José Araújo, quixo destacar a entrega do inmoble da rúa Barreira número 12 a disposición da Axencia de Turismo de Galicia “para que execute as obras que permitan adecualo para o seu uso como albergue de peregrinos, un proxecto estratéxico para este goberno municipal na medida en que virá dotar dun atractivo adicional a nosa cidade nun emprazamento privilexiado, o Casco Vello, e entre dous lugares emblemáticos como son As Burgas e a Praza Maior”.

Nesta aposta pola promoción e pola proxección da cidade dentro do ámbito turístico, cóntase con que nos vindeiros meses poida estar a obra comezada en virtude do acordo, que supón un investimento de preto de 800.000 euros. Porén, non foi o único asunto relacionado co turismo resolto en xunta de goberno: “Aprobamos tamén o convenio a subscribir entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e o Concello para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento do turismo”, cunha achega de 70.000 euros por parte da Xunta e un investimento total de 82.000 euros

Este novo convenio incluirá dúas liñas, unha de mellora de infraestruturas turísticas -adecuación de instalacións da área termal de Outariz cun bar con terraza cuberta, aseos públicos, vestiarios con gardarroupas e punto de información turística- e outra de promoción -instalación e renovación de paneis informativos no paseo da ribeira do Miño entre as áreas termais da Chavasqueira, O Tinteiro, O Muíño e Outariz-.

Infraestruturas

A proposta da área de Infraestruturas, aprobouse o proxecto de execución para as obras de “adecuación das rúas Ousande e Enxido”, en Cabeza de Vaca, por importe total de 123,333,45 (IVE engadido). O proxecto contempla actuacións para mellora da pavimentación deste viario mediante a colocación dunha lousa de formigón, o tendido de condutos para instalacións eléctricas e de telefonía para o seu futuro soterramento, a mellora da drenaxe, limpeza e construción de novas cunetas, e acondicionamento de pozos e arquetas. Insisto, trátase do proxecto para ver como podemos actuar da mellor maneira.

Festas de Ourense

“Avanzando na preparación das festas de Ourense, que terán lugar do 25 xuño ao 3 de xullo”, comentou o concelleiro José Araújo, “aprobamos o expediente para contratar o servizo de alugueiro dos equipos de iluminación, son e vídeo e demais elementos auxiliares para a realización dos concertos das festas na Praza Maior, por importe de 30.000 euros”.

Parques e Xardíns

Fóra da orde do día, a xunta de goberno aprobou o expediente para contratar, mediante procedemento aberto, o servizo de mantemento e mellora das zonas verdes públicas. O anuncio deberá estar publicado no diario oficial da Unión Europea durante un prazo de 52 días e, a partir de aí, comezaranse a escoitar ofertas. Reservaranse para este fin 468.107,39 euros para en 2016, 1.123.458,22 euros en 2017 e 645.350,63 en 2018. O servizo podería empezar a prestarse, segundo Araújo, “para os meses de xullo ou agosto”.

Casa de acollida

Adxudicouse igualmente o servizo de casa de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero á Fundación de Solidaridad Amaranta por un importe de 91.000 €, por ser a única oferta que se presentou ao procedemento aberto convocado polo Concello.

Atención ao público

Acordouse tamén a prórroga do contrato do servizo de xestión de visitantes, atención ao público e servizos complementarios dos espazos expositivos da planta baixa da antiga sede do Banco de España e do claustro de San Francisco, subscrito coa empresa Combina Social polo período que vai do 8 de xuño de 2016 ao 8 de xuño de 2017. A empresa terá que cumprir coas melloras ofertadas na súa proposta económica: realizar 150 horas gratuítas para esta prórroga dun ano de contrato.

Educación

Noutros eidos, a xunta de goberno deulle luz verde ás bases e a convocatoria da edición número 13 do Certame Literario Rosa Gómez 2016, cun gasto de 900 euros. O certame premiará obras de narrativa e poesía escritas en castelán -xa que era literatura española a materia que impartía a profesora Rosa Gómez no IES Blanco Amor- realizadas por alumnos de ESO, Bacharelato, Ciclos medios e superiores dos colexios de Ourense. Dará premios de entre 100 e 300 euros e os traballos deberanse presentar ata o día 2 de maio na Concellería de Educación, na Praza de San Martiño, 2.

Consello Social da Universidade de Vigo

Finalmente, aprobouse a designación de Yolanda López Fernández, xerente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas desde o ano 2006, como representante do Concello no Consello Social da Universidade de Vigo, substituíndo así a Federico Pérez Mato.

Te puede interesar