PAULA VIDAL ABATO

“Nunha situación de crise hai que elevar a educación ambiental"

O albergue das Corcerizas, que xestiona a asociación ecoloxista Amigos da Terra na ladeira da Serra de San Mameda cara Vilar de Barrio recibiu recentemente o premio internacional "Fondo de sostenibilidad"

O albergue das Corcerizas, que xestiona a asociación ecoloxista Amigos da Terra na ladeira da Serra de San Mameda cara Vilar de Barrio recibiu recentemente o premio internacional "Fondo de sostenibilidad", que concede a compañía "Hostelling International" polo seu bó facer na utilización das enerxías renovabeis. Alberguistas de todo o mundo votaron a iniciativa, que dadas as súas características especiais, converte o centro en pioneiro dentro de Galicia e referente a nivel estatal no uso das enerxías renovabeis para o seu autoconsumo, no eido da bioconstrución e na xestión alternativa dos residuos. Paula Vidal é a súa directora e amósase satisfeita porque As Corceiraza é hoxe unha "illa enerxética", que incluso podería vender enerxía para outras instalacións.

Qué é As Corcerizas?

Un reto, un proxecto transformador no que Amigos da Terra fixo unha aposta por demostrar que as utopías non só poden ser unha realidade, senon que esa realidade se fixera físicamente exemplar, pois non hai mellor xeito que facer para despois poder falar. Corcerizas nace e desenvolve o seu proxecto co reto de demostrar a viabilidade e importancia de poñer en práctica un proxecto educativo cun equipamento en total coherencia socioambiental, e impulsar o desenvolvemento de novos modelos de sustentabilidade.

É dificil sacar un proxecto así adiante?

É difícil. Trasladar a iniciativa á sociedade non é doado. Cando se está alí é unha boa experiencia vivencial, que se cre que se pode facer noutros sitios, que pode ser un motor de cambio. As Corcerizás non é un foro, é un exemplo, algo que se pode facer, que é factible cando ó cres.

Cando naceu As Corcerizas?

No ano 2002, aproveitando unha antiga casa forestal e a beleza que ofrece o Macizo Central.

Qué significa para vostede este importante premio?

Un recoñecemento á labor de hai máis de dez anos. Amigos da Terra puxo moita ilusión neste proxecto, no que contribuiron moitas persoas e grazas ó seu esforzo logramos sacar adiante un centro que se autoxestiona en enerxía sin contaminar o medio natural. Funcionamos á marxe do consumo das redes enerxéticas e esto é moi importante porque estamos como dicía antes a dar un exemplo na concienciación social ambiental. Hoxe non hai educación ambiental, a sociedade cao situación de crise renuncia a buscar outras fontes de enerxía renovabeis, non contaminantes, por eso o exemplo das Corcerizas é para nós moi importante. Ante a situación que vivimos, temos que elevar a educación ambiental.

Pero non debería ser o contrario? A sociedade, ante unha situación de crise, debería gastar menos enerxía e buscar aquelas que foran máis baratas, con menos dependencia das redes establecidas.

Si, hai modalidades que se poden aproveitar e que están xerando alternativas máis rentables, máis ecolóxicas polas que a xente se está interesando e desexa coñecer, pero as administracións fixeron importantes recortes no sector ambiental, non hai axudas para buscar outras fontes de enerxía non contaminante. Nós mesmos sufrimos importantes recortes, igual que particulares e outros colectivos e esto fai que se siga consumindo das redes que hai establecidas. Fixéronse moitos recortes en educación ambiental.

Pero a Deputación está colaborando con vostedes no proxecto, igual que o resto de administracións?

As instalacións das Corcerizas son da Deputación, é a propietaria da zoa e colabora connosco, apostou polo proxecto e agora nos vai ofrecer apoio para rehabilitar os edificios que presentan danos estructurais, pero os recortes en materia de medio ambiente non se escapan a ninguén, están aí e debería haber un respaldo moito máis amplo. Hai colaboracións puntuais e tiña que haber moito máis respaldo.

Qué plans teñen de futuro?

O máis recente é un curso de permacultura, no que estivemos inmersos. As clases estiveron avaladas internacionalmente e fixemos debates, puxemos en marcha métodos e prácticas de de traballo interactivo, producción material, exercicios individuais e experiencias que os alumnos poden aplicar nas súas vidas. Seguimos cos campamentos para nenos e imos iniciar un campo de traballo para voluntariado forestal. Este verán levaremos a cabo un novo Campo de Traballo Internacional en As Corcerizas, dirixido a persoas entre 18 e 30 anos. Do 1 ao 12 de agosto desenvolveremos actividades de bioconstrución e autoconstrución, nun ambiente participativo e lúdico. Tamén se traballará na protección do contorno natural, recuperando o ecosistema forestal e vixiando para a detección de posibles lumes na Serra de San Mamede; xunto con roteiros pola montaña, obradoiros e dinámicas grupais que fomentarán un ambiente amigable e distendido.

O proxecto das Corcerizas podería poñerse en marcha en concellos ou edificios públicos?

Si, os concellos podían apostar polas enerxías renovabeis para as zonas rurais. Podían aproveitar o cableado actual e compensar con eólicos ou placas solares para mellorar a iluminación de edificios ou instalacións públicas. Nós estamos abertos a explicar o proxecto e poñelo en marcha.

Por que non se poñen a obra?

Porque non hai conciencia medioambiental. A xente ten medo ó cambio. Nas Corcerizas ven que o proxeto pode ser realizable, pero logo dan medo os cambios, hai moita falta de compromiso.

Como está a Serra de San Mamede?

Abandonada. Debería haber mais medidas de axuda para asentar poboación no medio rural porque os pobos están abandonados.

Te puede interesar