Ourense

O Festival de Cine de Ourense celebra o seu 25 aniversario con 90 proxeccións e fomentando o novo talento

Ourense

O Festival de Cine de Ourense celebra o seu 25 aniversario con 90 proxeccións e fomentando o novo talento

O cita clásica co audiovisual celebrarase do 25 de setembro ao 3 de outubro

O Festival de Cine Internacional de Ourense quenta motores. Na mañá de hoxe tivo lugar a rolda de prensa de presentación do OUFF, un evento organizado pola Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Verlo co apoio da Xunta de Galicia. Nesta ocasión, a cita desenvolverase do 25 de setembro ao 3 de outubro cunha programación na que terá especial protagonismo a celebración do seu 25 aniversario.

A presentación da programación da 25ª edición do OUFF tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director artístico do OUFF, Miguel Anxo Fernández. 

Un total de 14 películas, das que catro participan fóra de concurso, compoñen a sección oficial que será inaugurada por Amanezca, da galega Lucía Álvarez. Ademais, a edición deste ano conta cunha importante participación galega e española con filmes como Olvido y León, Cartas Mojadas, El Agente Topo, La isla de las mentiras, Luarada e No me espera ninguén. Ademais, a sección oficial do OUFF levará a Ourense longametraxes internacionais como Vivere, Verano del 85, True Mothers, Regreso a Hope Gap, Deux, Corpus Christi e Falling.

O evento tamén albergará a terceira edición do OUFF en Curto, o certame de curtametraxes no que compiten 15 curtametraxes, e do proxecto Fas Muvis: límite 48 horas, un concurso destinado ao fomento do audiovisual galego entre as novas xeracións co fin de aumentar a nova canteira de creadores do país no que seis equipos participan a contrarreloxo convertendo a cidade de Ourense en protagonista.

Manuel Baltar afirmou que nesta edición "Ourense vai estar máis presente ca nunca no festival” porque o festival será inaugurado coa película  “Olvido y León” do director ourensán, Xavier Bermúdez, rodada en Ourense e que será unha estrea mundial. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de “Luarada”, unha produción do ourensán Óscar Doviso, baseada na historia de Manuel Blanco Romasanta. Na gala de clausura proxectarase ademais unha curta protagonizada por Isabel Blanco e Antonio Morris, “Non me espera ninguén", expresou Baltar.