Obituario Antonio Valencia Fidalgo | 3 de agosto, día inhábil

Antonio Valencia Fidalgo
photo_camera Antonio Valencia Fidalgo

Perdémoste e a profesión -e a sociedade- queda un pouco orfa dun excelente profesional, dun bo compañeiro, divertido e honesto, e traballador, até o punto de falecer nun mes inhábil. Perdémoste e desde hoxe o 3 de agosto é o día inhábil entre todos os días.

A túa perda, Antonio, ten unha grande afectación persoal para todas as persoas que te  coñecemos, que te apreciamos, mais tamén ten unha transcendencia colectiva, con permiso da túa familia e da túa xente do despacho, a quen lle mandamos todo o cariño. Contigo, coa túa forma heterodoxa de abordar a profesión, vanse tamén uns valores que hoxe son moi necesarios e que ti encarnabas cunha singularidade que só vos podedes permitir uns poucos elixidos; valores que aínda compartimos algúns de nós e que trataremos de seguir transmitindo, sen o teu talento, pero con toda a convicción da súa necesidade.

Aínda compartimos momentos de risa na despedida do teu querido Luís Vergara, funcionario do Xulgado do Social nº 2 de Ourense e da maxistrada do mesmo xulgado Isabel Balado; primeiro no xulgado e despois no preceptivo xantar de despedida. Ti, coma sempre, non faltaches á cita.

Neses actos a profesión volveu demostrar o moito cariño que che ten, querido Antonio, pedindo a túa intervención e escoitando as túas anécdotas que incluían algunhas verdades vestidas co satén da brincadeira. Non sabiamos, cando te celebrabamos, que eses dous actos de recoñecemento e cariño aos admirados Luís e Isabel acabarían sendo, tamén, a túa homenaxe última. Xa non teremos ocasión de facerche outra en vida, pero quédanos a satisfacción de poderche ter feito esa e a promesa de que a familia do social nos xuntaremos para comer na túa honra, para festexarte como a ti che gustaba e como te mereces.

A morte non nos vai roubar o noso dereito a proclamar o cariño que che temos. Vémonos no teu xantar de despedida, Antonio.

Te puede interesar