CRÓNICA

O orgullo pola lingua enche as rúas da cidade

Os numerosos actos que se viviron na cidade con motivo do Día das Letras Galegas mantiveron viva a figura de Díaz Castro, nunha xornada na que Viana do Castelo amosou a súa cultura cun sonoro e colorido desfile

As Letras Galegas invadiron Ourense. A cidade acolleu numerosos actos no día en que toda Galicia homenaxea á súa lingua propia, e nos que toda a cidadanía amosou dende a rúa os grandes sinais de vida que segue a ter o galego.

A figura do recordado Xosé María Díaz Castro estivo especialmente presente na meirande parte da xornada festiva de onte. Os libreiros, que instalaron unha carpa na rúa do Paseo, difundiron a obra do poeta de Guitiriz, que foi lida en varios dos actos do Día das Letras.

Así, a Plataforma "Queremos Galego" celebrou en Ourense un dos sete actos que organizou por toda Galicia. Os xardíns do Bispo Cesáreo foron o escenario dunha lectura de textos de Díaz Castro, unha exhibición de grafite de D. Vieira e a lectura dun manifesto no que se reivindicou un maior emprego da lingua en tódolos ámbitos da vida.

Pola súa parte, o PSdeG ourensán realizou un roteiro polas rúas do Casco Vello no que recordou a figura dos grandes autores en lingua galega que deu a cidade, en especial a aqueles pertencentes á Xeración Nós, como Vicente Risco ou Antón Losada. Os socialistas realizaron unha ofrenda floral no busto a Eduardo Blanco Amor, tamén nos xardíns do Bispo Cesáreo.

Máis ruído se oiu no desfile que transcurriu entre a Praza Maior e a rúa do Paseo, e onde a localidade portuguesa de Viana do Castelo promocionou a súa festa da Nossa Senhora da Agonía. Gaitas, tambores e traxes típicos tinxiron de cor e son o centro da cidade, abraiando aos viandantes que aproveitaron a xornada de sol e calor. A música tamén se escoitou na praza de San Martiño, cun concerto especial ao aire libre da Banda Municipal ao que seguiu unha lectura de poemas de Díaz Castro.

Te puede interesar