CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

O ourensán que descansa en Getsemaní

Basílica de Getsemaní, xestionada pola orde franciscana onde se atopa a pedra sobre a que rezou Xesús en Xoves Santo.
photo_camera Basílica de Getsemaní, xestionada pola orde franciscana onde se atopa a pedra sobre a que rezou Xesús en Xoves Santo.
José Montero Lorenzo naceu un día de primavera de 1886 na aldea de Valongo (Cortegada) e con só 27 anos foi enviado ás Misións de Terra Santa. Falecido ós 71 anos sen regresar, o seu corpo descansa hoxe no cemiterio do Monte dos Olivos

A nada que un tome un pouco de interese por afondar na relación de Ourense cos denominados lugares santos que tanto sangue e traxedia están causando durante os últimos meses nas xentes que viven neles, decatarase moi pronto de que a canle de enlace pasa inexorablemente pola estrutura franciscana coa que tradicionalmente contou esta provincia, esencialmente os conventos de Allariz, Ribadavia e Ourense, con conexión directa coa casa matriz de Santiago, onde estaba radicada a escola de “Misioneros franciscanos para Tierra Santa y Marruecos”.

Por esta escola pasaron, entre outros, o probablemente máis coñecido de todos, o ribeirán de San Clodio, Samuel Eiján, no seu caso non só pola actividade literaria e ensaística que deixou publicada entre 1876 e 1945, senón polo feito de contar cunha rúa moi comercial no corazón da capital.

Pero a min reclámame a atención hoxe estoutro ourensán “adornado de un carácter afable, bondadoso y gentil”, completamente descoñecido na provincia e malamente lembrado incluso en Cortegada

Samuel Eiján estivo en Xerusalén media ducia de anos, pouco máis do que botou outro veciño seu de Leiro, aínda que un pouco máis vello ca el, Ramón García Muíños, quen despois de ser nomeado en 1897 profesor de Ciencias Naturais do Colexio Seráfico de Belén, dous anos despois pasa unha tempada na casa familiar de San Clodio, denantes de viaxar a Venezuela e finalmente a México, onde asentou a súa vida como “Comisario de Terra Santa” naquel país e dedicou o tempo a afondar no coñecemento das misións históricas en América, que deu como resultado un libro de referencia para os que queiran afondar sobre os pioneiros das misións no “novo mundo” no século XV e XVI e que titulou “Primicias religiosas de América”.

Pero a min reclámame a atención hoxe estoutro ourensán “adornado de un carácter afable, bondadoso y gentil”, completamente descoñecido na provincia e malamente lembrado incluso en Cortegada. E non o fai tanto pola súa traxectoria biográfica, que se moveu arredor da Misión, canto polo lugar que elixiron para o seu descanso enterno, que ten colocado o nome de Ourense nun dos lugares primordiais da cristiandade.

Durante dous anos dirixiu a “Schola Cantorum” no Santo Sepulcro, os catro seguintes centrounos na dirección da “Gardanía de San Juan”

Montero Lorenzo inicia o seu periplo franciscano cando toma o hábito o 7 de setembro de 1902, recibindo posteriormente a orde sacerdotal en 1910, para, tres anos despois, con só 27 anos ser destinado ás misións de Terra Santa, onde desempeñou de contado importantes responsabilidades centradas na atención ás peregrinacións

Durante dous anos dirixiu a “Schola Cantorum” no Santo Sepulcro, os catro seguintes centrounos na dirección da “Gardanía de San Juan”, outros tres na de Belén e os catorce seguintes como vicario director da Capela de Música, prefecto de Sancristía e Capelán dos Hospital Europeo en Santa Catalina de Alexandría, todo elo denantes de que o 26 de outubro de 1939 o Ministerio de Asuntos Exteriores por medio de acordo do Consello de Ministros o nomease “Procurador General en Tierra Santa”, un cargo cunha orixe que se perde nos tempos, que contou con 335 responsables ó longo de tres séculos e medio e que centra a súa actividade na “animación a la liturgia en los Santos Lugares, la recepción de los peregrinos provenientes de todas partes del mundo o el sostenimiento de las estructuras que allí se encuentran”.

Trece anos estivo Frei José Montero Lorenzo á fronte desta institución relixioso-diplomática, ata que o 26 de outubro de 1957, ós 71 anos, deixou de existir, sendo o seu corpo soterrado -como queda dito- nun dos templos da cristiandade, o xardín de Getsemaní.

Outro Montero na Custodia de Terra Santa e unha beatificación que debeu caer no esquezo

Pero, con todo, non foi José Montero Lorenzo, o único Lorenzo que exerceu tan importante cargo como responsable da custodia de Terra Santa, xa que logo, a obra do vello Montero Lorenzo, tanto a través da súa actividade pastoral e diplomática, como por medio das súas publicacións resumidas nos “Sermóns do Vía Crucis” ou nos predicados a unha “Peregrinación española a Jerusalén” , tamén tivo influencias no seu propio entorno familiar, de forma que tres décadas despois do seu nacemento e con el xa en corpo e alma en Terra Santa, chegou ó mundo (1916), no mesmo lugar e probablemente na mesma casa patriarcal, o neno José Lorenzo Rivera, ordenado sacerdote tamén nos Franciscanos de Santiago en 1940 e trasladado un ano despois ós mesmos Santos Lugares nos que levaba xa case tres décadas o seu tío José.

Montero Lorenzo.
Montero Lorenzo.

Independentemente da omnipresenza que seguro supuxo o seu familiar -nalquel momento xa procurador xeral-, o mozo Montero Rivera trazou o seu propio camiño pastoral e chegou a desenvolver diversos cargos de certa responsabilidade coma superior de varios conventos en distintas localidades de Palestina, entre elas o convento de Nazareth.

E todo ilo ata que no mes de xuño de 1962, unha década despois de que seu tío abandonase o cargo, foi nomeado tamén “Procurador General de la Custodia de Tierra Santa”.

Con tal motivo, o xornal “La Noche” do 28 de xuño de 1962 destaca que o nomeamento “constituye por si sólo un motivo de orgullo para Galicia y para el convento de San Francisco de Santiago, ya que el padre José Montero es nativo de nuestra región y se formó en el convento seráfico de nuestra ciudad”.

Montero Rivera estaría á fronte da “Custodia” un curto periodo de seis meses, sendo o antepenúltimo procurador a fronte do organismo franciscano en Xerusalén, denantes de que outro “fillo” do convento compostelán Basilio del Río Brenlla pechase o histórico listado en febreiro de 1981.

Montero Rivera.
Montero Rivera.

De todos, o apunte verdadeiramente significativo que amosa a nota do diário santiagués dese día de 1962 é que “un tío suyo, llamado también José Montero ocupó hace 15 años ese mismo cargo en Tierra Santa y actualmente se está trabajando por introducir la causa de su beatificación en Roma”.

Te puede interesar