PREMIOS DO AUDIOVISUAL GALEGO

Seis ourensáns optan aos Mestre Mateo este ano

Simone Saibene, condutor de “Cinephilia”.
photo_camera Simone Saibene, condutor de “Cinephilia”.
O condutor de “Cinephilia”, progama de Telemiño, Simone Saibene figura en tres categorías nos premios que se entregarán hoxe sábado, 23 de marzo

Seis ourensáns aspiran a facerse cun Mestre Mateo, os premios do sector audiovisual galego. A Academia Galega do Audiovisual debullou as candidaturas por provincias, e aínda que Ourense é o territorio con menos opcións, hai un total de seis profesionais e unha serie rodada na provincia que poden facerse cunha estatuíña.

Entre eles figura Simone Saibene, director e condutor do espazo “Cinephilia”, un programa especializado en cine que se emite cada xoves en Telemiño. Saibene aspira a facerse co galardón de mellor comunicador, aínda que tamén pode recibir o de mellor realización. Ademais, repite nomeamento na categoría de mellor programa, pola que recibiu o Mestre Mateo na anterior edición, celebrada en Ourense. Foi a segunda vez que a Academia Galega do Audiovisual premiaba este espazo coa efixie do mítico escultor.

Este ano, a gala terá lugar na Coruña o próximo sábado 23 e estará dirixida pola ourensá Noemi Rodríguez. No evento poderá facerse cunha estatuíña o carballiñés Mario Fernández Filloi, director de “Illa cordura”, finalista a mellor curtametraxe de animación. Na lista de candidatos ourensáns tamén figura a macedá Alba Prol, codirectora do programa “O gran camiño, grandes rutas a pé do mundo”, finalista na categoría de mellor realización. De resultar premiado, tamén se levaría unha alegría outro profesional da provincia, xa que o codirector é o celanovés Raúl García.

A lista continúa con Saamira Ganay, cocreadora de “Emoción, vida y teatro-A Nave das Marías”, nomeada a mellor documental. Por último, Toño López podería levar o galardón a mellor serie como codirector de “Os argonautas e a moeda de ouro”. A esta lista de profesionais que aspiran a levar un Mestre Mateo engádese “Motel Valkirias”, finalista a mellor serie. A exitosa produción conxunta da Radio e Televisão de Portugal (RTP) e a Televisión de Galicia (TVG) está nomeada a mellor serie e foi rodada en Ourense.

A entrega dos galardóns da XXII edición dos Premios Mestre Mateo desenvolverase este sábado, 23 de marzo, no Coliseum da Coruña. A gala estará presentada por Lidia Veiga e Miguel Canalejo e contará coa presenza de artistas como Fillas de Casandra.

Te puede interesar