Crónica

Ourense reivindica a inmortalidade da lingua galega

OURENSE. 24.10.2015. CEMENTERIO SAN FRANCISCO, PLACA CONMEMORATIVA MEMORIA LINGUISTICA. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Representantes políticos co neto de Prado Lameiro (primeiro pola dereita), no acto de homenaxe.

O cemiterio de San Francisco incorporou onte unha placa e unha homenaxe ao poeta Prado Lameiro co obxecto de reivindicar a lingua galega, tamén no momento do pasamento

Vivir, morrer, e lembrar en galego e co galego. Isa é a premisa que marcou onte o acto organizado no cemiterio de San Francisco, pola Asociación de Funcionarios pola Normalización da Lingua Galega, co gallo da restauración da Memoria Lingüística.


"En memoria de todos os que aquí xacen, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua do seu". Así quedou escrito nunha placa a entrada do cemiterio que foi descuberta polo alcalde da cidade, acompañado polo conselleiro de Sanidade, representantes dos grupos políticos con representación municipal e polo neto de Xabier Prado Lameiro, quen tamén tivo o seu recoñecemento.


“Esta placa, que é un sinal perpetuo do que detrás nosa ha vir, vai quedar homenaxeando e lembrándonos aqueles sinais que non morren nin esmorecen. Unha cultura forte e intemporal chea de futuro. Un vínculo co pasado que é motor do vindeiro, brillante e feliz”, declarou Jesús Vázquez.


Celso Sánchez, representante da Asociación de funcionarios, sinalou a importancia de "cambiar a inercia que existe de escribir ás lápidas e as mandas testamentarias en castelán, aínda que a persoa falara toda a súa vida en galego. Por inercia todo o relacionado co pasamento faise en castelán". Aportou, ademais, un dato: só unha de cada mil lápidas está escrita en galego.
E precisamente contribuir a darlle a volta a esta situación foi o motivo do acto que onte tivo lugar no camposanto onde reposan ilustres nomes da literatura e da creación galega, que foron nomeados como Blanco Amor, Otero Pedrayo, Ben-Cho-Sey ou Prado Lameiro, entre outros.

Prado Lameiro
A Coral da Ruada puxo a música a este sinxelo acto, ameazado nalgúns intres pola choiva, e pechouno aos sons  do himno galego. Afonso Vázquez Monxardín recitou dous poemas, un de Rosalía de Castro e outro de Otero Pedrayo, escrito, precisamente, pensando no cemiterio de San Francisco.


Os asistentes ao acto trasladáronse despois ata a tumba de Prado Lameiro, onde foi descuberta unha segunda placa na súa lápida e se fixo unha ofrenda floral. Xavier Prado Lameiro foi poeta, redactor xefe da revista Nós e fundador da Coral da Ruada. A súa figura foi elixida onte  en recoñecemento dos seus coetáneos.
No acto, que tivo tamén lugar noutros lugares de Galicia, estiveron presentes representantes da vida cultural ourensá e das asociacións sociais. 

Te puede interesar