ENTREVISTA

David Sánchez: ‘Ourense está vivindo unha época musical moi boa porque hai moitos grupos e todos tocamos’

10409757_348976728591438_4075761601399844586_n
photo_camera Imagen del grupo ourensano.

O grupo ourensán Maskarpone será o encargado de inaugurar a décimo terceira edición do festival Reperkusión, que se celebrará os días 11 e 12 de setembro na Cidade dos Muchachos de Bemposta.

O grupo ourensán Maskarpone será o encargado de inaugurar a décimo terceira edición do festival Reperkusión, que se celebrará os días 11 e 12 de setembro na Cidade dos Muchachos de Bemposta. A banda anfitrioa está composta pola voz de Lore, a batería de Bush, o saxo e os coros de Martinho, a trompeta e os coros de Banchas, o acordeón de Berni, o baixo de Champi e as guitarras de Ton e David.

Como se definirían musicalmente?

Somos un grupo de amigos que nos xuntamos e facemos música con base en ska mesturado con diferentes estilos. Cada un dos compoñentes chegamos ó grupo cun estilo distinto e decidimos unificalos todos. Por iso, aínda que predomina un, hai toques de rock, tradicional, etc. Sexamos o que sexamos, tocamos música para facer festa.

Que se sinte ó tocar na casa e, pro riba, no Reperkusión?

É un auténtico pracer. É un festival que xa temos visitado como público e que nos gusta a todos. Mentiría se dixera que non é un orgullo compartir un cartel con bandas tan grandes e recoñecidas. Xa temos participado nalgún festival grande, pero coma este penso que non vai ser ningún, ata o de agora.

Que agardan deste festival, logo de ter tan boa acollida en escenarios de toda Galicia?

Agardamos bastante xente polo feito de que, como veñen artistas a nivel internacional, tamén virá xente de fóra de aquí. Pero tamén sabemos que vai haber moita xente da casa e con todos eles imos facer algo grande. O bo de coñecer a cita é que non imos tan a cegas como noutras ocasións. O Repekusión nunca defrauda e a nós tampouco nos vai pasar. polo menos ímonos sentir máis que arroupados. O obxectivo é claro: pasalo ben nós e facer que a xente desfrute.

Quizáis o seu estilo non é o máis común, non?

Depende de por onde se mire. O que está claro é que neste festival hai xente á que lle gusta o noso estilo. O ambiente musical en Ourense é moi bo. Penso que nunca se viviu unha época tan boa. Hai moitos grupos e ningún está parado, sexa cal sexa o estilo. É máis, nos somos conscientes de que non somos do máis comercial, pero tamén recoñecemos que temos unha acollida boísima.

A que aspirades?

A seguir facendo o que facemos. Non intentamos gañar ningún premio de prestixio internacional. A música, para nós, é máis unha afección que un modo de vida e as afeccións son para desfrutalas.

Te puede interesar