Navidad

Papá Noel viaxa en furgoneta por dez concellos ourensáns

photo_camera Cinco vecinos de Vilamarín y Amoeiro llevarán la Navidad a más de 10 concellos de la provincia con sus dos carrozas de elaboración propia -un trineo y una casita- que pasearán desde mañana hasta el día 24.
Un grupo de cinco veciños de Amoeiro inicia o domingo un tour por unha ducia de concellos para achegar a Papá Noel aos máis pequenos. Esta idea, nacida o ano pasado, busca “recuperar a ilusión” da xente despois da pandemia da covid.

Ismael, Gino, José Carlos, Héctor e Roberto son cinco veciños de Amoeiro e Vilamarín que este ano decidiron, tras o éxito do pasado Nadal, volver a levar a Papá Noel de viaxe por Ourense. “Como o ano pasado houbo unha aceptación excepcional, este ano decidimos facer as cousas con máis tempo e tratamos de chegar a máis concellos”, explica Roberto. Para respectar aos que confiaron neles, ofrecéronse primeiro aos que apostaron por eles o ano pasado, e “os días restantes fómosllos ofrecendo a outros novos”.

Roberto tamén explica como van conseguir “saír todos os días, mañá e tarde”  dende este domingo que comezan a súa viaxe ata a tarde do 24: “Facendo unha carroza nova”. Ao popular trineo súmaselle este ano a casiña de Papá Noel, o que abre a posibilidade de levar as dúas carrozas ao mesmo punto, opción que abre a posibilidade de facer unha especie de coreografía, na que o veciño máis famoso de Laponia “poida baixar do trineo, recoller as cartas dos nenos e levalas a gardar a súa casa”. Esta alternativa, que supón máis gastos, quedará reservada para “ocasións especiais”, como poden ser a inauguración ou o peche.

Este experimentado entroideiro de Parada de Amoeiro define como “unha cura de humildade indescriptible” a sensación que lle produce “ver as caras de felicidade dos nenos ao ver pasar as carrozas”. Ademais, iniciativas coma a destes cinco veciños axudan a “levantar o ánimo da xente e facer que recuperen un pouco da ilusión que nos quitou a covid”.

Sobre as experiencias vividas o ano pasado, recorda con especial agarimo os “máis de 7.000 caramelos” que repartiron o ano pasado polos sete concellos percorridos. Tamén rememorando o ano pasado, Roberto fai referencia aos “máis de 800 kilómetros” que percorreron entre desprazamentos e desfiles. Algunha outra curiosidade é que sempre teñen que levar “de todo na furgoneta que nos leva a todos lados”, xa que o ano pasado tiveron incluso que “cortar algunhas ramas das árbores para pasar coa carroza”.

“Levamos todas as tardes do último mes traballando neste proxecto”, subliña Roberto. Recoñece que este ano “tivemos que subir os prezos, porque a inversión subiu bastante”, e iso que “estamos moi afeitos a aforrar no montado das carrozas porque participamos en comparsas de entroido en Amoeiro”.

Te puede interesar