AUDIOVISUAL

“Cuñados" converte Ourense en agosto en “gran plató de cine"

Manuel Baltar, reunido co equipo da produtora Portocabo_resultado
photo_camera Baltar, reunido con el equipo de la productora Portocabo.
A película está dirixida polo ourensán Toño López e protagonizada por Touriñán e Miguel de Lira

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao equipo de Portocabo, a produtora do filme "Cuñados", cuxa rodaxe comezará neste mes de agosto na capital ourensá coa colaboración da Deputación. Baltar destacou o apoio que a institución provincial vén dando a proxectos cinematográficos, e o “impulso decisivo” que supuxo para o OUFF que o goberno provincial asumise a organización deste evento. 

“Ourense como gran plató de cinema é o obxectivo que nos marcamos”, destacou Manuel Baltar, quen salientou que “a comedia costumbrista e familiar coa que foi concibido o proxecto de "Cuñados", súmase ao elenco de filmes e traballos audiovisuais cos que coopera a Deputación. "O cine é a cultura visual por excelencia, e desde o goberno provincial seguiremos apoiando esta industria que ten na provincia de Ourense as mellores materias primas, tanto no referido a escenarios naturais como a condicións paisaxísticas e orográficas, para acadar verdadeiras obras de arte audiovisual”, sinalou.

A rodaxe de "Cuñados" comezará o vindeiro 17 de agosto na cidade das Burgas. A comedia xirará ao redor das peripecias criminais de tres irmáns políticos unidos polo azar e embarcados nun plan disparatado. Estará protagonizada por tres actores cómicos galegos, Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Fede Pérez; e as actrices Iolanda Muíños e Eva Fernández. 

Estrea en 2021

 A ficción, que terá a súa estrea nos cines en 2021, suporá o salto á longametraxe do ourensán Toño López. Tras dirixir ficcións como "Miracle Tunes" ou "Auga Seca", López asume nesta ocasión a dirección desta gran comedia galega. Nas súas palabras, “esta é unha comedia de case criminais, alegre, alborotada e vitalista para todos os públicos, que basea o seu humor en facer leña das miserias humanas cun toque de tenrura e compaixón, e que tal vez nos sirva tamén para ver as nosas propias miserias e torpezas con máis sentido do humor”. 

Á fronte do resto do equipo técnico atópanse profesionais do audiovisual galego como Alfonso Blanco (produción executiva), Araceli Gonda (guión), Santi Jul (música), Ana Míguez (dirección de produción), Jaime Pérez (dirección de fotografía), Lu Rodríguez (montaxe), Andrea Pozo (dirección artística) e Saturna (vestiario). 

"Cuñados", película seleccionada na segunda mesa de valoración de cine de RTVE para este ano, conta coa subvención do Agadic, a participación da TVG e a colaboración da Deputación. Será rodada na cidade e en diversos lugares da provincia.

A provincia, unha localización ideal para Portocabo

Esta non é a primeira vez que Portocabo escolle Ourense para rodar algunha das súas ficcións, como xa ocorrera con "Vidago Palace", serie que xa pode verse en HBO Portugal e que chegará proximamente ao catálogo de HBO España. O equipo atopa no territorio de contrastes de Ourense as localizacións ideais para proxectos como "Cuñados". "Na cidade das Burgas conviven o rural e o urbano, e tamén está dotado dunha gran vida social e cultural", subliñan.  

Alén disto, a produtora continúará coa gravación da segunda tempada da premiada "Hierro" en Canarias e avanzando en varios proxectos que se atopan agora mesmo en fase de desenvolvemento. 

Te puede interesar