HOMENAXE

Pepe Fernández, tributo a un médico humanista

Homenaxe onte no Liceo ao doutor Fernández (M.A.)
photo_camera Homenaxe onte no Liceo ao doutor Fernández (M.A.)
O Liceo homenaxeou ao cofundador da Academia Médico Cirúrxica

O Liceo de Ourense, no seu “Recordando a...”, honrou este xoves ao doutor José Fernández Rodríguez,Pepe Fernández”, pasado o seu centenario nun acto coa presenza do seu fillo Javier Fernández, Manuel de Toro e a presentación de Delfín Caseiro. O doutor Fernández, médico humanista onde os haxa, e os houbera, era discípulo de Marañón na súa forma de contemplar o doente, como a medicina de hoxe xa non contempla. “O diagnóstico que non se fai á hora de facer a historia clínica, non se fará despois de feitas as exploracións complementarias” porque o que non sabe o que busca, non recoñece o que atopa.

Exerce a súa profesión en Ourense, como especialista en Aparato Dixestivo, na súa consulta da rúa Lamas Carbajal, nun principio, e posteriormente na rúa do Paseo, ademais de como internista do Hospital Provincial Santa María Nai, onde chegou a ser Xefe do Servizo de Medicina Interna.

Nado en Cuba, onde os seus pais estaban emigrados, chega a Ourense aos 11 anos. Fai a carreira de medicina en Santiago que remata no ano 1946, e se especializa en Aparato Dixestivo na “Giménez Díaz”, actualmente Hospital Universitario Nuestra Señora de la Concepción, Fundación Giménez Díaz. Durante a súa traxectoria profesional, ademais de estudar a media cidade de Ourense, como certifican as súas historias clínicas, foi cofundador da Academia Médico Cirúrxica de Ourense. Xubilou da súa práctica clínica aos 81 anos, deixando a un digno substituto, como é o seu fillo Javier Fernández Seara.

Como dicía o Mestre Letamendi, “O médico que soamente sabe de medicina, nin medicina sabe”, e iso sabíao moi ben Don José e así, durante toda a súa vida, cultivou outros saberes tales como a lectura, as tertulias e o contacto próximo coa intelectualidade ourensá.

Foi Presidente do Liceo dende outubro de 1971 ata xaneiro de 1976. Contaba entre os seus directivos a Julio Borrajo Dacruz, Santiago Izquierdo García, Carlos Trapote Rodríguez, Emilio Outeiriño Montero, Luis García García, José C. Martínez-Pedrayo García, Juan Brasa de la Rosa, Manuel González López, Amador Fernández Cesar, Eduardo Encinas Diéguez, Antonio Aguilar García e Segundo Fernández Covelo.

É digno de mención, ademais de amosar o seu talante, que a primeira decisión que toma a súa xunta directiva, foi eliminar o sistema de bolas brancas e bolas negras que se viña utilizando ata aquel momento para vetar a entrada como socios do Liceo aos posibles candidatos: bastaba que o socio potencial tivera unha bola negra incluída na urna por algún membro da xunta directiva para que esa persoa fora rexeitada. Outra grande obra que se lle debe foi a elevación do segundo andar do edificio do Liceo, coa ampliación da biblioteca, sala de xuntas e despacho da presidencia. Por este motivo recibiu a medalla de ouro do Liceo e colocouse unha placa no segundo andar facendo mención a este feito. Foi para este novo espazo que encargou aos “artistiñas” (como dera en chamar D. Vicente Risco), uns cadros de grandes dimensións e esculturas a Xaime Quessada, Virxilio, Huete, Acisclo Manzano, Baltar, Buciños e Xavier Pousa, que aínda poden ser admirados.

Era un asiduo ás tertulias do Liceo, din que non saía da súa consulta, que ata comía nela, e que ó único sitio polo que a deixaba era por acudir a aquelas tertulias. Dicía Gregorio Marañón que a tertulia ten unha importante cualidade, como é o seu carácter democrático que permite que calquera poda opinar e ser escoitado nela, sen que para elo precise ostentar unha determinada posición social ou de casta.

Contaba o escritor Carlos Casares que todos os 25 de decembro non se perdía a visita ao convite do doutor Fernández na súa consulta. Alí acudía, con outros intelectuais da Vella Auria e os compañeiros da tertulia do Liceo, que sempre estaban convidados. Foi un home bo, xeneroso, amante da conversa e da medicina que traía seria e sabiamente entre as mans. n

Te puede interesar