Un roteiro poético leva a literatura galega por diversos locais do casco vello ourensán

Un percorrido a prol da lingua

 Un momento do roteiro poético coa interpretación dun dos escritos leidos no acto. (Foto: Martiño Pinal)
A celebración das Letras Galegas comezou xa onte en diversos puntos da provincia. Na cidade, un roteiro poético levou a literatura galega por diversos locais da zona vella ata desembocar nun concerto na praza San Marcial. En Maceda, foi un concerto de corais o encargado de homenaxear ás Letras. Xa antes, durante a semana, os colexios da provincia achegaron a figura de Ramón Piñeiro -homenaxeado este ano- ós seus alumnos. Hoxe están previstos actos en toda a provincia con motivo desta conmemoración.
As Letras Galegas renden hoxe oficialmente a súa homenaxe a Ramón Piñeiro. Nembargantes, os actos en honra da súa figura e do idioma sucedéronse durante toda a semana e máis especialmente ó longo da xornada de onte. Na cidade, un roteiro poético ensalzou a diversos escritores cun percorrido que arrancou ás seis da tarde na Esmorga e se prolongou ata ben entrada a noite. Os participantes no roteiro, entre os que se atopaban tanto escritores como alumnos e profesores de Secundaria, leron e interpretaron diversos escritos ó tempo que visitaban diferentes locais do casco vello da cidade. Se Carlos Figueiras comezou no local da Esmorga, Pablo García, María Lado e Celia Parra tiveron o seu turno no Turco e Andrés Ocampo, Belén de Andrade e Concha Rousía fixeron o propio no Auriense. No Trampitán foron Carlos Rafael e Teresa Devesa os que tomaron a palabra. As intervencións contaron coa animación musical da compañía ‘Femme Fatale’. A finalización do roteiro poético estaba prevista na praza de San Marcial, coa intervención do humorista gráfico Xosé Lois González, o escritor Manuel Rivas e a concelleira de Cultura, Isabel Pérez. Un concerto de ‘Os Guezos’ ía poñer o punto e final á sucesión poética que se iniciara seis horas antes desta actuación.

Na provincia Á marxe dos actos oficiais, a conmemoración do 17 de maio chegou tamén ós colexios ourensáns, como sucedeu nos Salesianos, que o venres organizou un acto no que, entre outras actividades, os alumnos puideron coñecer a figura de Ramón Piñeiro e os seus escritos, ademais de salientar as razóns para conservar a lingua e o mellor xeito de darlle vida.

Ademais da cidade, a celebración das Letras espallouse, xa onte, por toda a provincia. En Maceda celebrouse a quinta edición do Certame de Música Coral, organizado pola Coral polifónica ‘Albricias’ en colaboración con distintas entidades. No concerto, que tivo lugar na igrexa das Neves, participaron catro corais (‘A Gaiteira’, de A Coruña, ‘Candea’, de Viana do Bolo, ‘Casa da Gaia’, de Portugal e a propia ‘Albricias’.

En Castrelo de Miño, a organización Galiza Nova, presidida a nivel comarcal por Iván Paz, organizou onte pola tarde o acto ‘Estamos de faladoiro’, no que a poeta ruesa Rosa Enríquez falou da presenza da lingua galega no ensino.

Te puede interesar