O polideportivo de Barbadás gañará 700 metros cadrados

A inversión roza os 740.000 euros e estará financiada pola Xunta, a Deputación e o Concello

O Concello de Barbadás presentou onte a ampliación do polideportivo municipal, que gañará 700 metros cadrados cunha cuberta na planta superior nunha inversión que roza os 740.000 euros. Na presentación participaron o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel; o concelleiro de deportes, Abel Cortés, e o arquitecto que firma o proxecto, Alfredo Freixedo Alemparte. Esta ampliación estará financiada ao 40% pola Xunta, outro tanto pola Deputación, e o 20% restante, polo Concello de Barbadás.

Valcárcel explicou que “o obxectivo é a ampliación dun Polideportivo que ten case 12 anos e que se fixo pensando en pequeno, sen contar co que está a ocurrir en Barbadás durante os últimos anos, que é o seu continuo crecemento poboacional”. Así, lembrou que a presentación confirma “un compromiso cumprido coa cidadanía” e ofrecerá “novas instalacións e servizos, mellorando a súa accesibilidade”. Pola súa banda, Cortés asegurou que “cubre unha gran demanda e unha gran necesidade da veciñanza de Barbadás” e engadiu que “as instalacións actuais estanse a quedar pequenas para o noso Concello tendo en conta os polo menos 800 usuarios que utilizan as instalacións”.

O arquitecto explicou que se trata “de intervir na cuberta do mesmo para unha ampliación de volume do polideportivo cunha estrutura lixeira”. Así, no proxecto contémplase una ampla zona de vestiarios e duchas, un ximnasio, unha sala de usos múltiples para danza e práctica de ximnasia dirixida e unha zona cuberta aberta con acceso ao final do corredor de comunicación. Inclúe tamén a instalación de climatizadores, bombas de calor con aerotermia ou paneis solares, nunha aposta pola sostibilidade da instalación. 

Te puede interesar