Polo seu nome as recoñeceredes

A Rúa das Tendas é unha das que non cambiaron de nome. (Foto: José Paz)
Coincidindo coa nova concepción do Estado, as rúas da cidade mudaron de nome a partir de 1850, aínda que a primeira en facelo fora a Praza Maior, que pasou a denominarse Praza da Constitución, pola de 1812.
Quen lle pon nome ás rúas? Agora témolo claro, ao principio, 185o, foron imposicións para oficializar os novos modelos de concepción do Estado, tamén disposicións con ánimo de 'modernizar'. 'Os nomes nacen de forma natural. Igual que nacen os nomes nas canellas, ou nas aldeas, estes nacen sen vontade, respondendo a todo tipo de temas, de toponimia vexetal: A Rabaza, O Pumar; de tipoloxías das fincas, As Chousas; de nomes de persoas, Mariñamansa, de Mariña Mansa; Mende, Outariz', así o relata Afonso Monxardín, que bebe das mellores fontes ?Ferro Couselo, Atrio Menéndez; Olga Gallego, Xoán Carlos Rivas-.


CIDADE MEDIEVAL

Os nomes nacen en aquel Ourense pequeno -en 1830 non máis de 512 casas- de xeito natural, de puro pragmatismo lingüístico de caixón, a rúa das Chousas chamábase así polos peches das fincas; a Praza do Campo, porque nela se facían as feiras, a do Pumar, polas mazairas que nela existían. Cimadevila; Rúa dos Zapateiros; Pía da Casca; Rúa da Pixotaría ?para Andrés Hervella un dos nomes máis fermosos, 'en galego antigo'; a Cruz dos Ferreiros, Praza do Ferro, que así se chamaba polos vendedores de material de ferreiría que alí poñían os días feirais

A toponimia daquelas primeiras rúas estaba vencellada aos gremios, e a actividade que nelas se desenrolaba, Rúa da Obra, Praza das Olas, Cruz de Pantrigo, Fonte dos Coiros. Nomes descritivos, Rúa Escura; Canella da Sinagoga; Rúa das Tendas; Tendal da Figueira; Pena Vixía; Tras Palacio; Horta do Concello; Pelouriño, actual Rúa Colón, onde se axustizaba ao persoal. É evidente que naquel Ourense medieval, coase inalterábel, non se precisaban placas que dixeran por onde guiarse.

'Que queremos recuperar os nomes medievais ou recuperar a historia; ou como dicían algúns badocos o nome máis antigo ?apunta Monxardín- os nomes evolucionan coa dinámica da cidade'. Engade dous argumentos clarificadores, 'A Rúa Colón, primeiro do Pumar (S-XII ao S- XV), despois Pelouriño, cando puxeron un pelouriño para aforcar alí á xente. A rúa que ía cara San Francisco, mentres non existía San Francisco, non había tal rúa; hai unha dinámica cidadá que fai que estas vaian cambiando'. O que resulta evidente é que o relato das diferentes denominacións das rúas e as prazas describen de xeito cristalino a historia dunha cidade, uns nomes solaparon a outros, tamén están aquelas que ao longo da historia nunca tiveron outra denominación, San Miguel, San Pedro, Santo Domingo, San Francisco. Barreira, Burga, Fornos, Tendas, Do Vilar, Dos Arcediagos.

'Ao ser Ourense unha cidade pequena ?apunta Monxardín- os topónimos urbanos non teñen problema, irían primeiro os que son de barrio, despois os de rúa, que seguen unha evolución natural, até que aparece a orde para denominar á praza principal das cidades como praza maior, pero eso tamén é unha evolución natural, nas prazas é onde están os concellos, segundo a normativa do S-XV'. É precisamente sobre ese espazo, a Praza Maior, aínda que non hai ningún documento que o acredite, sobre o que se fai o primeiro cambio imposto, pasando a denominarse Praza da Constitución, co motivo da de 1812. A primeira placa asignada é do ano 1839, unha imposición a petición dos veciños segundo o Concello, permutando o nome da Rúa dos Zapateiros polo de Rúa da Paz, poro da Paz de Vergara, o final da guerra Carlista escenificado no abrazo entre o xeneral Espartero e Maroto.


A LENDA DO 'RETÓRICO'

No primeiro cambio de nivel -1850- aparece a figura dun invocado concelleiro de Mombuey apodado 'o retórico' quen se propuxo cambiar algunhas nomenclaturas por 'ridículas e contrarias ao gusto e adianto da época', porque os usos desapareceran, ou por estar en galego. Calle de las Mercedes, San Cosme, Viriato, Luna, Pizarro, Santa Eufemia, Cervantes, Pelayo, San Fernando, Lepanto, Unión e Estrella'. De todo isto fala Atrio Menéndez, no libro 'Del Ourense antiguo', e hai que fiarse, aínda que tamén apunta que o concelleiro se propuxera de paso modificar os nomes do rural da cidade, ?de ser certo non llo admitiron- ,Salto do Can mudándoo en 'Brinco de Galgo; Rabo de Galo, por 'Cola de Pollo'; Mariñamansa por 'Patata fina'; Regueiro Fozado polo de 'Arroyo turbio', pero todo isto soa máis a chiste ca ocorrencia.

En 1861, outro concelleiro, Bernardo Amor, se encargará de visibilizar en cerámica de Talavera que aínda perdura os nomes alterados en 1850, tamén en darlle novos a rúas e canellas que non o tiñan ?Juan de Austria, Gravina, Moratín, Triunfo, Bailén, San Quintín, Primavera, Hernán Cortés, entre outros, son desta época; en total 1385 azulexos con nomes de rúas e numeracións de mazás.

A partir deses primeiros cambios e até os anos 1930, os nomes mudaron pouco, basicamente os adicados as rúas que se abrían, Rúa da Alba (1867); Hospicio (1867), hoxe Concordia; Paseo (1873); Cardenal Quevedo (1897). Adicando tamén rúas a ilustres do momento, Cardenal Quiroga, Lamas Carvajal, Basilio Álvarez, Curros Enríquez, entre moitos.

Te puede interesar