ENTREVISTA

“Prego sentíase un pintor galego, quería dignificar a cultura"

photo_camera Limia de Gardón, na exposición de Prego de Oliver en Afundación.

Dous meses e as exposicións do proxecto "Prego. 100 anos" non deixan de recibir visitantes, que agora tamén poden asistir a conferencias dos seus comisarios, un deles o profesor ourensano Xabier Limia de Gardón.

Como xurdiu a iniciativa?

No 2014, empezou a xurdir a idea de facer un proxecto de fondo calado e raigame para a cidade cun artista que ten moitísimas facetas, unha profundidade como poucos e que ten sido unha figura moi importante para a arte ourensá e galega.Empezou co gallo da data de nacemento pero a investigación foi levando por outros derroteiros, dinme conta que a data na que se decía que nacera non era certa.

Cal foi a maior sorpresa nesa investigación?

Son pequenas grandes cousas.  Na investigación atopei no arquivo parroquial de Santa Eufemia a data de nacemento. Tamén a derradeira paleta, na que deixou cores antes de morrer, que a exhibimos na exposición, e soubemos que o mural que había no Hotel Parque existía, todo o mundo pensaba que desaparecera e é unha das xoias da exposición do Ángel Valente.

Por que se dividiu a mostra?

Hai un eixo entre as tres exposicións, a máis íntima é a do Museo Municipal, na que quixemos reproducir a atmosfera na que pintaba. Na do Ángel Valente están os óleos e na de Afundación, as orixes.

Hai algunha sala mais visitada?

O feito de que a do Paseo e a de a Praza Maior estean a pé de rúa fai que a xente entre a cotío. Entran máis na do Paseo pola súa situación; dende a porta incluso ves os cadros. Dende o punto de vista do coñecemento a que é máis espectacular é a de Afundación, pero require máis coñecementos para poder afondar, a que é máis vistosa e que entende calquera é a do Paseo.

Xa van casi dous meses, como segue a afluencia de xente?

Moi alta, empezaron hai uns 15 días as visitas dos centros escolares. O plan non remata nas exposicións, é un proxecto e ten un libro-catálogo que se vai presentar antes de que remate o proceso expositivo, neste ou no próximo mes; tamén comezamos a dar conferencias na propia sala José Ángel Valente. 

Como lle influiu o ambiente ilustrado da época na súa obra?

Estivo ao pe da Xeración Nós. Prego é un home que traballa con literatos, le moito, reflexiona, que está con Cunqueiro, Carlos Casares ou Castroviejo. É culto e dese mundo de lecturas saca ideas, pero unha é Galicia. Séntese un pintor galego e o seu ánimo é dignificar a cultura galega, é dicir, que é tan boa coma a que se está facendo fóra e que os temas que pinta teñen tanta vixencia como outros que fan outras cousas en París.

Foi complicado reunir as obras?

A nosa idea é pedagóxica, no sentido de amosar a historia dun pintor. Quixemos amosar como foron os comezos, como foi conseguindo ter un nivel de estilo tan potente e nos últimos quince anos, onde xa era un pintor consagrado. 

Restauraron o mural, houbo que recuperar máis obras?

Nalgún caso houbo que facer algunha intervención de urxencia con algunha pintura ou co propio marco porque estaba en mal estado. O mural nos ven a enriquecer o proxecto noso, é todo labor da empresa Copasa, eles levaron todo o da restauración. No mural agóchase a época da Atenas de Galicia, o tempo dos faladoiros. O máis importante é que o mural é a testemuña da época en Ourense, de feito fíxose para o do Hotel Parque. É a testemuña sobranceira dunha época esmorecida, hoxe queda algunha no Liceo e pouco máis.

Cal é o seu cadro preferido?

Gústame dun xeito especial, ademais do mural, a obra "Navidad en la montaña" e "Bosque silencioso", ambas están no Ángel Valente.

Te puede interesar