O presuposto de San Cibrao crecerá un 8% en 2023 ata os 6,5 millóns

Pleno de onte en San Cibrao.
photo_camera Pleno de onte en San Cibrao.
As contas saíron adiante cos 10 votos favorables do grupo de goberno

O pleno de San Cibrao das Viñas deu luz verde, nunha sesión celebrada onte pola mañá, ao presuposto do Concello para o ano 2023, unhas contas que volven medrar o exercicio próximo un 8,36%, acadando os 6.515.788,28 euros, medio millón máis que as contas municipais do 2022. A aprobación foi resultado da votación con 10 votos a favor do grupo de goberno e 3 votos en contra da oposición do PSOE. 

“Trátase dun novo presuposto que contempla as dotacións axeitadas e suficientes para facer fronte aos gastos, tanto para o funcionamiento dos servizos municipais como para mellorar a calidade de vida dos veciños”, asegurou o alcalde de San Cibrao, Manuel Pedro Fernández. “Deste xeito, contémplase tamén a subida de prezos que estamos a sufrir como consecuencia da elevada inflación” concluíu o primeiro edil municipal.

Ademais da subida para gastos municipais, non se van incrementar os impostos aos veciños, pois non se actualizou a subida do IPC en ningunha cantidade a pagar polos cidadáns, asumíndoa, deste xeito, o concello. Por outra banda, con este presuposto crece a inversión en servizos sociais e en actividades deportivas e culturais. O obxectivo principal é “manter unha estabilidade, sen descoidar ningún ámbito municipal”. Estes presupostos contan con cero euros de débeda.

A partida máis importante das contas son os gastos correntes, que medraron un 10% respecto ao ano pasado e supoñen case dous de cada tres euros do total do presuposto. O gasto en persoal medrou un 7%  ata situarse nos 1.576.013 euros.

Te puede interesar