Primeira reunión para captar fondos europeos

photo_camera José Angel Vázquez Barquero e Manuel Baltar, ante un balcón

Deputación e Concello comezaron onte a traballar xa na preparación do plan estratéxico que conxuntamente presentarán á UE para a obtención de fondos cos que desenvolver a provincia e a cidade en catro áreas prioritarias como son: "Competitividade Ourense", "Ourense provincia intelixente", a "Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente" e o Plan "Ourense, a provincia termal".

Na anterior xuntanza, a Deputación ofrecéralle ao Concello de Ourense a posibilidade de incorporarse á estratexia de consecución de fondos comunitarios, convite que foi aceptado polo Concello, e a Deputación convocou onte a primeira reunión de traballo, onde unha comisión integrada por representantes de ámbalas dúas administracións -o deputado Argimiro Marnotes, e o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, por parte da Deputación, e o concelleiro de Facenda, José Ángel Vázquez Barquero, e a xefa de servizo de Formación Ocupacional e Emprego, Susana Calvo, por parte de Concello-, reuníronse no "Marcos Valcárcel" para poñer en común a estratexia a desenvolver. Manuel Baltar trasladoulles que este é "un escenario de colaboración aberto e dinámico no que aceptaremos calquera suxestión".

Tralo encontro, Barquero precisou que haberá reunións cada 15 días para facer traballo adiantado (a convocatoria para as axudas non sairá antes do verán) e ver que tipo de proxectos e subvencións se poden pedir, tendo en conta que á cidade lle interesa especialmente o desenvolvemento do termalismo.

Te puede interesar