Arte et Alia

A propósito da metafísica do eu

Como unha panoplia heráldica.
photo_camera Como unha panoplia heráldica.

Xorden do maxín como unha pulsión inconsciente, e trala preparación previa do lenzo, a chispa e o impulso se transmite á man co pincel nun acto consciente, e no fondo do seu taller fala a luz. E así como a mente destila na súa alquimia os estados de ánimo, así abre a tela a mancha ou forma primixenia, dende a elección da cor, elemento fundacional creativo sobre o branco. Como nos comezos da escrita, en papel. Mais a da arte é unha creación distinta. Como ten escrito Francisco Ruiz de Infante, artista coetáneo vasco, A arte é o lugar no que o mundo ven á imaxe e a imaxe faise mundo, acaído concepto que revela como o mundo, que é cultura e civilización, maniféstase como epifanía. Pois de imaxes falamos, reitera o artista os finos movementos de pincel, coa punta do mango, buscando animar a súa liña expresiva cun fino e sutil fío, tentando relacionar dous obxectos. Hainas máis densas, noutros casos, que lle serven para crear formas sobre matizados fondos, sempre co óleo. 

Chega até nós o Mingos Teixeira (Domingo José Teixeira Rodríguez, Vigo, n. 1955), para ofrecemos na sala de arte do primeiro andar da Deputación de Ourense, no CCMV, algunhas das súas obras más recentes, en B/N, que xunta coas que teñen sido, ao longo da súa dilatada traxectoria iniciada en 1980, a súa bandeira creativa. Son máis de corenta anos de creación, concelebrados nunha sorte de retrospectiva a finais de 2015 con “Alicia no país das marabillas. Mingos Teixeira: metamorfose”, concello de Vigo. A esta institución municipal ten estado ligado por décadas, dende que fundara “Escuela de medios técnicos de realización artística”, en 1984, e o desenrolo dos programas educativos Escola e arte, Arte na aula e Crea. Docencia e divulgación, con libros como Arte para todos, eis o poder sandador da creatividade. Amosou aqueles óleos en negro sobre branco, “Fuertes hechizos”, na Casa de Galicia, Madrid, a finais de 2021, tres ducias de obras da súa nova praxe plástica, con moito de debuxo á tinta e grafito, aos que engade toques azuis e de branco acrílico. Son estrutura que fala dunha verdade, a súa, negro esqueleto sobre branco corpo, esencia dun outro Mingos. Aboia un novo dicir e albíscanse mundos figurados que se achegan aos gravados, e tamén ás tintas dos insertos cinematográficos, cambios de plano narrativo, unha linguaxe do Banda Deseñada. Son tempos de muda da poética do espazo, unha razón lingüística. Quen me amosará a estrela que me dará a tinta para escribir a miña noite?, dicía Adonis en Mémoire du vent. E Teixeira semella ter a resposta. 

O catálogo supón un plus da exposición en sala, amosando outras obras, acción coa que o artista prolonga o arume do seu piñeiral creativo. Hainas datadas entre 2004 e 2015, e algunhas de 2019 e 2021, historia e ronsel dun camiño. Debuxa cores e co debuxo fai formas, nunha metafísica do eu, como o historiador da arte e curator da exposición sinalounos, telas retroiluminadas que amosan vistas do seu ser. No apertura do evento Ana Méndez Gil, Xerente de Galicia Calidade, falou na presentación, ademais dos representantes da Deputación. Enfronte, con cándida sinxeleza, fala o mestre Teixeira dende Treboedo, Maside, “lúa lixeira, enche coa túa morna luz esa liña”.

Te puede interesar