A actual situación de incomunicación provoca diferentes reaccións entre os alcaldes dos municipios fronteirizos

A provincia carece de transporte público que cruce a raia portuguesa

Nacional OU-540 na fronteira con Portugal. (Foto: MARCOS ATRIO)
A situación actual é a seguinte: unha persoa veciña do pobo de Olelas, imerso no parque do Xurés, pertencente ó Concello de Entrimo e separado de Portugal só polo río Limia, que desexe dirixirse cara o país veciño terá que facelo, ben nun coche particular, ben chamando a un taxi, ben a pé.
Se o seu desexo fose coller unha liña de autobús para cruzar a fronteira, a ruta que debería seguir levaríao, pola estrada OU-540 camiño de Ourense, dende alí, collería outro transporte cara Vigo, único punto dende onde podería dirixirse cara Portugal. É dicir, algo tan sinxelo como cruzar un río, ó veciño de Olelas debería percorrer algo máis de 220 kilómetros.

Algo así non acontece só na comarca da Baixa Limia. Dos 92 concellos que compoñen o mapa da provincia, son 17 os arraianos, algúns deles na zona chamada 'seca' e outros tocando co río Limia. A día de hoxe, ningún municipio, nin dos fronteirizos nin dos 75 restantes goza de comunicación directa con Portugal a través dunha liña regular de transporte. Durante un tempo, foi a empresa Anpian a encargada de realizar o servizo cara Portugal cruzando a comarca da Limia baixa pero deixou de facelo 'porque non hai demanda', segundo alegan dende a entidade de transportes. No momento en que estea rematada a vía rápida que comunique as Terras de Celanova co norte portugués, afirman que poderían comezar a estudar a posibilidade de retomar a liña regular, que hoxe realizan ata a Baixa Limia.

Mentres, sen posibilidade de cruzar a fronteira sen ser nun vehículo particular, os alcaldes da zona manteñen opinións contrapostas neste sentido. Algúns coma o rexidor de Lobeira, Emilio Higuero, serían completamente partidarios da existencia de liñas de comunicación de carácter regular. 'Igual non tódolos días, pero sábados e domingos hai moita xente que vai comer a Portugal', asegura o alcalde arraiano. El mesmo sería usuario do servizo se existira, tal e como asegura.


REALISMO ENTRE OS ALCALDES

Outros, coma o de Quintela de Leirado, José Antonio Pérez, Entrimo, Ramón Alonso, ou Calvos de Randín, Aquilino Valencia, considerarían positiva a comunicación co norte de Portugal mediante transporte público, pero tratan de ser realistas, sobre todo en tempos de dificultade económica, e coinciden en sinalar que o servizo non sería rendible. O costume da poboación de moverse no seu automóbil e a falla de tradición do transporte público serían as causas máis sinaladas polos rexedores para o fracaso do servizo.

Un dos principais reclamos, aparte do gastronómico, que leva a moitos ourensáns a trasladarse cara Portugal con certa frecuencia son as feiras de localidades próximas como Melgaço, Montalegre, Chaves ou Ponte de Lima, entre moitas outras. Emilio Higuero, xunto con outros coma o alcalde de Baltar, José Antonio Feijóo, é dos que opinan que a liña regular debería existir para os días de mercado. A ganancia serviría tamén para as arcas ourensás e demóstrano campañas promocionais similares á posta en marcha este días en Xinzo, coa que lles dan a benvida ós veciños portugueses.

Te puede interesar