ENTREVISTA

Francisco Fraga: "A provincia está a esmorecer, o foco non pode estar só en cuestións persoais"

2op4741_result
photo_camera Francisco Fraga, nos xardíns do Padre Feijóo

O portavoz do PSOE na Deputación espera que a polémica xerada pase rápido e céntrase en traballar, co obxectivo de chegar ó goberno en 2019.

"Queremos dar un novo rumbo". Así inicia a súa traxectoria como portavoz do PSOE na Deputación Francisco Fraga Civeira, despois de que co apoio de outros catro deputados e a dirección provincial da formación decidisen relevar a Ignacio Gómez dese cargo. Espera que a polémica xerada pase rápido e céntrase en traballar, co obxectivo de chegar ó goberno en 2019.

Pasou xa o terremoto?

O que queremos é traballar con normalidade, sabemos cal é a situación política, queremos que as augas vaian volvendo ó seu cauce e traballar para a cidadanía, iso é o fundamental.

De quen parte a decisión de mudar a estructura do grupo?

O que pasa no grupo comentoúselle á dirección, non somos entes alleos, somos persoas de partido. Cando se toman decisións, o mellor é facelo conxuntamente.

Fixéronse as cousas polos cauces axeitados?

Houbo unha convocatoria, nós acudimos e cada un é libre de tomar as súas decisións (Ignacio Gómez non estivo na xuntanza), todo foi debidamente efectuado. Nós somos disciplinados, leais á dirección e o seremos con calquera que estea. En canto ás formas, cada un ten a súa opinión. Antes, a dirección xa lle propuxera unha serie de cousas a Nacho.

Que cousas?

Iso queda dentro do partido.

Debería convocarse unha executiva provincial do partido?

Non, a decisión é legal. Pediuse un informe ó secretario que ratificou a validez e tamén cumple os nosos estatutos. Guste máis ou menos, cinco votos son máis que tres, é maioría. Os que ocupamos cargos debemos saber que é pasaxeiro.

Por que agora e non ó principio do mandato?

As situacións vanse dando así, teñen o seu curso. Hai criterios de oportunidade política que manexa tamén a dirección. As decisións tómanse buscando non facer dano.

Será imposible traballar da man de Gómez?

Intentaremos traballar con normalidade. Máis alá de cuestións persoais, hai que velar pola cidadanía.

Fala dun tempo novo na Deputación. Que non gustaba do que se viña facendo?

Aquí estamos postos polos concelleiros, e estes pola cidadanía. Nós queremos cambiar as políticas do PP, perniciosas para esta provincia. Para iso é necesario un traballo a pé de campo, porque só da man da cidadanía poderemos cambiar o goberno.

A oposición do PSOE desviouse dese camiño con Ignacio Gómez, centrada máis na crítica a Manuel Baltar?

Non é tanto cuestións persoais, senón onde se poña o acento. Eu tamén creo que o presidente da Deputación debe dimitir porque a súa conducta non é exemplar, pero é unha decisión do propio presidente, debe tomala el. Non olvidemos que o seu propio Comité Ético dimitiu. Dito esto, este tema non debe ser o único no que se poña o foco, non debe distraernos doutras cuestións como a falta de expectativas, a demografía. A provincia está a esmorecer, é insostible.

O PP agradeceu o novo clima no salón de plenos, falando de que se gañou institucionalidade. Apoiaron, ademais, oito das súas medidas. Que lectura fai?

Sospeito que é unha especie de abrazo do oso, pero nós imos seguir traballando para poñer en marcha as nosas iniciativas, apoiadas por eles ou non. Temos un modo diferente de facer política, despois a cidadanía valorará, queremos que sexan conscientes de que hai alternativa. Iso si, seguro que detrás do apoio do PP hai un criterio político.

O que é certo é que amosou un tono máis sosegado no debate que o seu predecesor. É compatible con ser contundente?

Para facer política non é necesario entrar en cuestións persoais, nin faltar ó respecto a ninguén nin á institución. Non é necesaria a mala educación, ser contundente non é cousa de dureza.

Interesáballe o cambio de portavoz ó PP?

Non fago valoracións diso, é o que nos interesaba a nós, non podo facer o meu traballo en función do que lle interesa ós demais. Un partido como o noso non pode actuar en función do que fagan outras forzas, temos un ideario propio.

Ve posible chegar ó goberno en 2019?

Se non o vise posible, non estaría aquí, a cidadanía decidirá. Está claro que teñen unha maquinaria moi ben engrasada e unha rede clientelar que contribúe a mantela, é moi difícil pero faremos todo o posible para que o PP perda a Deputación.

O secretario falaba no seu escrito da dedicación exclusiva que disfruta Gómez. Que vai pasar?

Foi toda a unha voráxine que non houbo tempo para cuestións organizativas. Agora falarase e tomarse unha determinación, primero era o destos días.

Pero van cambiar?

Faremos cambios buscando que o funcionamento sexa o mellor posible. Intentaremos organizarnos para acadar os nosos obxectivos.

Cos outros dous deputados que non apoiaron o cambio, hai mellor relación ca con Gómez?

É normal, teremos reunións continuas. Hai contacto fluido, teñen o meu respecto e cariño.

O mércores Ignacio Gómez non estivo na comisión na que adoita estar. Que pasou?

Cada un é responsable dos seus actos.

Hoxe -onte para o lector-, a executiva do PSOE na cidade criticaba todo o acontecido. Que opina?

Non quero entrar. Teñen unha tarefa importante por diante, recuperar todos os votos e a representatividade que tivemos, moito traballo que facer.

A portavocía pode ser tamén un trampolín para recuperar a alcaldía de Piñor?

Non o vexo así, ninguén o fixo. Somos a lista máis votada. Estou centrado en Piñor e na provincia. Alí fomos a forza máis votada, só un pacto entre dous que son como a auga e o aceite nos botou.

Te puede interesar