Letras Galegas

A provincia resiste á erosión do galego

hhhhh
photo_camera Nenos participan no Correlingua deste ano, o pasado venres.

Os datos mostran que Ourense é a segunda provincia onde máis xente se expresa en galego, logo de Lugo. Ademais, a cidade destaca, só por detrás de Santiago: o porcentaxe de veciños que non usa nunca a lingua propia é do 11%

O galego resiste en Ourense. A exemplo da pequena aldea gala que sobrevivía ao Imperio Romano nos comics de Astérix e Obélix, a provincia segue liderando o uso da lingua propia en toda Galicia xunto con Lugo. O 63% dos ourensáns falan sempre en galego ou máis en galego que en castelán, de acordo aos últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), publicados no 2014. Só os lugueses superarían aos ourensáns, ao situarse no 70,54% 

Máis atrás quedan xa Pontevedra e A Coruña. Entre os veciños coruñeses, os que falan galego a cotío supoñen o 49,69% da poboación, mentres que na provincia de Pontevedra a porcentaxe cae ata o 41,29%. 

A provincia de Ourense é bilingüe ou tende claramente cara iso. Non hai moitas trazas de optimismo para o galego. Os que falan só en castelán pasaron do 12,4% ao 16,7% nunha soa década na provincia ourensá, mentres que os que aseguran falar máis castelán que galego subiron, tamén, desde o 11,7% ao 18,3%. 

 A grandes rasgos, o galego segue dominando entre a poboación, aínda que camiña paseniño cara á igualdade de uso coa lingua castelá. 


Ourense destaca no número de fogares galegofalantes


Ourense encabeza o seu uso nos fogares. E é que na provincia é onde en máis fogares se fala habitulamente só o galego. Así se fai, de acorde a enquisa estrutural a fogares do IGE, no 31,5% dos mesmos. Por riba de Lugo (29,9%), A Coruña (23,1%), e Pontevedra (14,68%). 

Por outra banda, só no 6,91% dos fogares ourensáns conviven persoas que só falan en castelán. 

Pero en canto a cidades, Ourense si que destaca. Logo de Santiago de Compostela, a  cidade das Burgas é a na que máis se usa o galego. O 89% úsaa no seu día a día nalgún momento, só por detrás de Santiago, onde esta porcentaxe escala ata o 92%. Noutros parámetros quedan urbes como Vigo ou Ferrol, onde preto dun cuarto da poboación non emprega xamais a lingua galega. 

En canto ao uso exclusivo do galego, en Ourense cidade fan uso del o 33% do total, por detras de Santiago (44%) pero por riba do resto das urbes da comunidade autónoma. 

Pero os ourensán perden á hora de escribilo. Cando se trata de usar a lingua galega, a provincia cae á tercera posición en uso, e queda, non só por detrás de Lugo, senón que tamén é superada pola Coruña. Apenas o 15,9% a emprega na escrita, unha cifra que escala ao 17,7% en Lugo e o 17,8% na Coruña. Moi atrás quedan xa os pontevedreses, onde a usan para escribir apenas o 11,3%. 

A perda de falantes segue materializándose a medida que os pequenos se fan maiores. E é que, mentres que máis de sete de cada dez ourensáns aprendeu na casa a lingua de Rosalía (o 73,33%), a cifra cae dos puntos no que se refire ao seu uso. No que se refire ao castelán, malia que aumenta, só o 22% dos ourensáns o aprendeu a falar na casa. 


Concellos que máis monolingües en galego perderon nunha década


Empregando o mapa desagregado por municipios publicado recentemente pola Real Academia Galega da Lingua, podemos apreciar onde se está a acentuar máis a perda de persoas que só empregan o galego. "Os núcleos das cidades deixan de ser o foco de substitución do galego", explican desde a RAG. E é que os concellos limítrofes, que reciben poboación urbanita, son os que agora toman o temón da progresiva desgaleguización. 

 Os que máis están a perder son Pereiro de Aguiar, Manzaneda e Carballeda de Valdeorras, onde na última década caeu entre un 40% e un 50% o número de galegofalantes monolingües. 

Na seguinte franxa aparecen Maside, Toén, San Cibrao das Viñas, e a meirande parte dos concellos da comarca de Valdeorras: O Barco, A Rúa, Petín e Vilamartín.  En todos eses municipios, a regresión dos galegofalantes situouse entre 2001 e 2011 entre un 30% e un 40% sobre o total .

Na outra banda, sitúanse os concellos nos que nunha década non se percibiu perda porcentual de galegofalantes, aína que nese punto, cunha clave: apenas hai novos falantes de ningunha lingua, ante a progresiva despoboación. Neste caso, en San Xoán de Río e Sarreaus non se localizaron perdas porcentuais no uso do galego. E, agás en Muíños e Castrelo do Val,  en todo o sur provincial o uso do galego mantívose case invariable. 

Te puede interesar