Pereiro de Aguiar

O PSOE de Pereiro critica un “malgasto" nas contas xerais

O grupo municipal socialista afirma que "poderían terse aforrado importantes sumas de cartos municipais superiores ao millón de euros"

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar votou en contra na Comisión Especial de Contas ao considerar o informe da Conta Xeral de 2019 "demoledor" e que "amosa o despilfarro durante os últimos anos nos servizos municipais de contratos da luz, telefonía ou seguros". 

O grupo municipal socialista afirma que "poderían terse aforrado importantes sumas de cartos municipais superiores ao millón de euros" e acusan ao goberno de "ser o culpable deste malgasto de cartos públicos". 

O voceiro do PSdeG en Pereiro, Jorge Gutiérrez, reclama que o Concello de Pereiro de Aguiar non leve a cabo a licitación destes servicios. "Xa foron varias as lexislaturas nas que solicitamos que os contratos de suministros se sacasen a concurso público, para que deste xeito se poidan recibir ofertas de diferentes empresas e optar pola mellor", comenta Jorge Gutiérrez. Os socialistas tamén reclaman a elaboración dunha relación de postos de traballo "adaptada ás necesidades reais do concello". 

Dende o goberno municipal rexeitan as acusacións do grupo socialista e afirman que o Concello encóntrase traballando na elaboración dunha memoria de servicio enerxético. "Non hai mal gasto para nada, son gastos de contratos de suministros para a licitación deses servizos. Estamos traballando para licitar os contratos", afirma o alcalde de Pereiro de Aguiar Luis Menor. O grupo de goberno tamén destca a xestión que levan realizando nos últimos anos. "Os veciños de Pereiro teñen un concello con déficit cero e remanente, polo que estes datos acreditan a nosa xestión", comenta o alcalde. 

Te puede interesar