O PSOE pide recuperar o parque infantil de tráfico na cidade de Ourense

O grupo municipal socialista propón a retoma do parque infantil de tráfico en Ourense, presentando unha moción para instar ao Concello á construción dunha instalación destinada a iso, debido ao elevado número de vítimas en accidentes de tráfico na provincia

Logo de que este periódico dese a coñecer os datos de vítimas mortais en accidentes de tráfico nas estradas ourensás (case 700 persoas perderon a vida nas vías da provincia dende o ano 2000), o grupo municipal socialista considera imprescindible e urxente que se retome a actividade de concienciación que se levaba a cabo no parque infantil de tráfico. Por este motivo, presentará unha moción no vindeiro pleno ordinario de xaneiro para que o Concello se poña as pilas na materia. “A través da educación asimílanse, apréndense e se xeran coñecementos, normas de conduta, modos de ser e formas de ver o mundo. O alumnado vai sendo quen de adquirir un pensamento crítico. Este proceso, ademais, contribúe a crear unha serie de habilidades, actitudes e valores dando forma á personalidade de cada suxeito”, sinala o texto que defenderán dende o PSdeG.

“Os datos son estremecedores, Ourense rexistrou o pasado ano o maior número de falecidos en sinistros dende o 2011: 24 persoas morreron nas estradas. E coas cifras na man, faise imprescindible a prevención e a formación dos condutores, condutoras e peóns do futuro. Por iso, entre os puntos de acordo a aprobar polo pleno atópase o de instar ao goberno local á construción dunha instalación destinada a se converter nun Parque Infantil de Tráfico ou á recuperación do espazo do que se dispuña nas instalacións de Expourense”, apunta o grupo socialista. 

 A intención da iniciativa é que o parque sirva para o alumnado de toda a provincia.

Te puede interesar