Escritor

Román Raña: ‘O libro é unha viaxe a miña infancia e adolescencia’

Ana Garrido, Román Raña e Isabel Pérez, no Auditorio. (Foto: Miguel Ángel)
No mes de xuño, o escritor Román Raña resultou gañador do premio de poesía ‘Cidade de Ourense’. Onte presentou o seu libro: ‘O incendio das palabras’.
Coa súa obra ‘O incendio das palabras’ o escritor vigués Román Raña resultou gañador da XXV edición do premio de poesía ‘Cidade de Ourense’. O libro de poemas foi presentado onte no Auditorio municipal nun acto no que estivo o seu autor, acompañado pola concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Isabel Pérez.

Que inspirou o seu traballo de poemas?

Tratei de facer unha viaxe a miña infancia e a miña adolescencia. Neste libro recollo dous escenarios da miña felicidade: as terras do Ribeiro, especialmente Carballeda de Avia, e Vigo, onde descubrin o mar. Son vivencias cun fondo común: o verán como estación principal do ano, que implica luminosidade, sol, vacacións.

Autobiográfico.

É totalmente biográfico, pero xa pola propia concepción da poesía que parte da intimidade da persoa, dos sentimentos máis fondos que emanan do seu interior.

Son varios os premios que recoñecen a súa traxectoria profesional, pero que significa para vostede o ‘Cidade de Ourense’?

É un premio ó que lle teño moito cariño polas miñas vinculacións persoais con Ourense. Pasei boa parte da miña infancia en Carballeda de Avia, como reflexo no libro, é a terra dos meus pais. O cariño e aínda maior porque o premio ‘Cidade de Ourense’ foi un dos primeiros que recibín na miña labor como escritor, pois tamén fun premiado en 1984.

Como se atopa o mundo da poesía?

Penso que hai unha enorme cantidade de poetas de extraordinario talento e estanse a incorporar voces novas, sobre todo mulleres, que aportan unha gran diversidade á poesía. O xénero poético é certo que é unha actividade minoritaria, pero hai que cumprir co noso oficio e facelo ben.

Hai proxectos sobre a mesa de Román Raña?

Nestes momentos estou a traballar en poesía e tamén en prosa, ameazo con voltar a traballar neste ámbito.

Te puede interesar