Diarios do pasado

Romeiros e lexionarios nas orixes de Ourense

Santuario termal de época romana nas Burgas
photo_camera Santuario termal de época romana nas Burgas.
A cidade de Ourense naceu na segunda metade do s. I d.C.. Pero, como ocorreu?

Seguramente a cidade de Ourense naceu na segunda metade do s. I d.C.. Pero, como ocorreu? Na investigación aínda conviven dúas teorías. Florentino Cuevillas sostiña que xurdíu ao agarimo das Burgas, onde en 1802 aparecera un pequeno altar (ara) dedicado por Calpurnia Abana Aeboso ás Ninfas desas fontes. Dicía Cuevillas en 1934 que “Todo fai supor en consecuencia, que o casarío que se estendía ao redor das Burgas ostentaba un aspecto sinxelo e rústico, e que a súa vida se nutría exclusivamente deste tres elementos: do cultivo dalgunhas leiras circundantes, da afluencia de xentes que acudían atraídas pola fama milagrosa das fontes termais, e do pequeño comercio que habería de realizarse con labradores e romeus…”. Para el as Burgas eran un centro relixioso que reunía os habitantes dos castros, asentamentos da Idade do Ferro, que poboaban o val de Ourense, dando lugar a un núcleo habitado. A esta interpretación nós chamámoslle Teoría Termal. Recentementemente as escavacións arqueolóxicas promovidas polo Concello de Ourense, confirmaron o carácter sagrado destas augas, co descubrimento dun santuario romano con seis aras dedicadas ao deus indíxena Revve (ou Reve) Anabaraego.

Para Jesús Ferro Couselo a Ponte Vella, á que a investigadores lle soen outorgar orixe romana, foi a causa que deu orixe á cidade. Tras conquistar Galicia, os romanos constrúen a ponte, convertendo o lugar nun nó itinerario no que confluían diversas calzadas. Pero ante as malas condicións de habitabilidade das beiras do río, situaron a cidade cara ao interior. Para ter o dominio do paso sobre o río Miño, instalaron un cuartel militar co seu centro de mando, o praesidium, no solar onde agora está o actual Museo Arqueolóxico. Segundo Ferro, a Praza Maior sería o recordo do foro da cidade. Esta é a chamada Teoría Campamental. Aínda que o aspecto actual da ponte é medieval e moderna, na base dalgúns piares vense perpiaños almofadados, típicos das obras públicas romanas. Non sabemos cando se construíu. A tradición a atribúe a Traxano (98-117 d.C.), pero a investigación aínda non o puido concretar. E non é fácil. Algún autores sitúana nas décadas anteriores á nosa era, na época de Augusto. Outros sosteñen que foi no s. I d.C. e despois reconstruída no s. III, nos tempos de Septimio Severo, Caracalla e Geta. As catas arqueolóxicas recentes non axudaron a concretar, quizais porque se situaron nunha zona moi alterada polas sucesivas reconstrucións.

Ambas teorías sobre a orixe de Ourense, a termal e a campamental, vanse matizando coas novas escavacións. Algúns feitos non puideron demostrarse, como a existencia do praesidium no Museo Arqueolóxico, segundo propoñía Ferro. Pensamos que si parece insinuarse o carácter viario da cidade romana pola distribución alongada sur-norte dos restos arqueolóxicos que levan aparecido ata agora. Así, efectivamente, o nacemento puido deberse ás boas condicións como nó viario para comunicar a Gallaecia bracarense coa lucense. Pero hai máis factores. Consideramos esencial a existencia dos mananciais mineromedicinales das Burgas, cun posible santuario que achega á nova civitas o valor simbólico, relixioso. Tamén o fértil val do Barbaña, que puido fornecer de hortas e zonas de cultico á cidade. E como non, a posible función administrativa inherente ao novo núcleo urbano. No sería extraño, cando menos como hipótese, que dende ela se administrase o ouro extraído de minas tan próximas como Oira, Coles, e outras que lle puideron dar o apelativo auriensis. Por iso, non desbotemos que se mesturasen os romeiros termais e os lexionarios romanos cos primeiros ourensáns nas rúas do antigo Ourense.

Te puede interesar