Ourense

A Rosalía combativa e rebelde

Ourense

CRÓNICA

A Rosalía combativa e rebelde

Un grupo de mulleres proban o "caldo de gloria" de Rosalía de Castro en Celanova, nos actos de celebración do seu día.
photo_cameraUn grupo de mulleres proban o "caldo de gloria" de Rosalía de Castro en Celanova, nos actos de celebración do seu día.
No 183 aniversario do seu nacemento, numerosas voces da cultura galega reivindican a faceta loitadora da escritora, símbolo do Rexurdimento e da renovación da poesía en España. "É unha autora por descubrir", sinala Fina Calleja.

Cada vez son máis as voces que reivindican a importancia de Rosalía de Castro na historia galega e na creación literaria, máis alá da poeta símbolo do Rexurdimento que cantou á súa terra con morriña dende a emigración. O Día de Rosalía –que non contou con celebración na cidade– permite amosar as súas outras facetas como muller creadora na sociedade de finais do século XIX, revisitar a súa figura e educar aos máis novos nunha visión máis completa e realista. 

"É unha autora por descubrir, é asombrosa", asegura a actriz e directora Fina Calleja, de Sarabela Teatro. O pasado sábado, Calleja presentou no Teatro Colón da Coruña a obra "Rosalía", da man de Culturaactiva. A peza, dirixida a público familiar, amosa os primeiros anos de vida da escritora, a afonda na súa particular mirada sobre o mundo. "Rescatamos a unha Rosalía que descubre a poesía a través do xogo, e que contempla o mundo dunha maneira activa, non só dende a contemplación poética. Vese o seu compromiso co país, coa muller e ca contorna", explica a directora. As creacións máis divulgadas da autora, como "Cantares gallegos" ou "Follas novas", son unha pequena parte da súa traxectoria, unha representación "incompleta". "Eu estou farta de que digan de que Rosalía era unha 'chorona', iso é o que quixo amosar parte da xente. Ela reivindicou dende o principio a poesía social", apunta a poeta Rochi Nóvoa. 


A primeira achega


A escritora e editora Celia Pereira non esquece a primeira vez que escoitou o poema de Rosalía "A xustiza pola man" –"Entonces cal loba doente ou ferida/ dun salto con rabia pillei a fouciña,/rondei paseniño… /¡Ne-as herbas sentían!/I a lúa escondíase, i a fera dormía/cos seus compañeiros en cama mullida"–. "Foi na universidade, con María Xosé Queizán –escritora–. Recitounos o poema e sentino como unha bofetada, comparada coa imaxe romántica que me contaran no instituto, sentino coma se me tiveran contado unha especie de mentira perversa", apunta Pereira. 

No caso da poeta Marina Sánchez, que comezou a ler os libros da autora de pequena, a imaxe foi virando co paso dos anos: "Desa primeira imaxe tristona, a concepción cambiou a medida que lin máis libros e descubrín a súa fortaleza, a súa faceta filósofa e tan actualizada". A tristura forma parte da súa obra, "pero é moito máis", segundo conta Fina Calleja: "Chegou a Madrid cunha capacidade creativa extraordinaria, Bécquer flipou con ela". Rosalía renovou a poesía de finais do século XIX, e rachou o paradigma lírico do momento. "Non podemos esquecer que reflectiu a Galicia rural, as condicións vitais da pobreza, algo contrario á tendencia do momento", resalta a poeta Arancha Nogueira.


As miradas sobre Rosalía de Castro


Rochi Nóvoa: "Quen pode escribir sen pensar en Rosalía, e quen pode intentar facer un mínimo verso sen pensar nela", explica a poeta, que coñeceu a autora do Rexurdimento de pequena. "Non podería concebir a poesía, nin parte da escrita sen ela, enganchei aos meus 12 anos con Castelao e con Rosalía", recorda.

Arancha Nogueira: "É un orgullo tremendo que a nosa figura máis icónica sexa unha poeta e unha muller, pero o problema das iconas é ficar sen significado, e que sexa unha estampa nunha camiseta", reivindica a poeta Arancha Nogueira. "Foi unha muller combativa, moi rebelde para a súa época e unha loitadora", asegura a ourensá.

Marina Sánchez: "Temos moita sorte de que nos represente, ela é a verdadeira matria galega para min", apunta la poeta Marina Sánchez, que aposta por un cambio na formación educativa. "Penso que debería haber unha visión máis completa dela a través dos escritos nos que vemos a súa fortaleza de muller galaica", explica Sánchez.

Fina Calleja: A actriz e directora acaba de presentar "Rosalía" no Teatro Colón da Coruña, unha peza que aposta pola faceta rebelde e loitadora da autora. "Claro que tivo unha faceta íntima, pero non é só iso, pero é o que se quixo ler, mentres a outra parte se ocultaba de xeito intencionado", explica. "Redescubrila é unha necesidade para todos", apunta.

Celia Pereira: "Se ti non das datos relevantes sobre Rosalía, o que recibes non é mentira, pero non é a historia completa", apunta a editora Celia Pereira, que considera que nos últimos anos a presenza pública da autora é "moito máis importante". "Creo que no seu caso pesou o feito de ser muller e galega, e tamén ter un discurso crítico co poder", asegura.