EN OURENSE

Rosalía nunca esquecida

No día en que se cumpren 181 anos do nacemento de Rosalía de Castro, os veciños de Ourense abriron as fiestras e saíron a rúa para romper cos tópicos reiterados no tempo, conscientes de que Rosalía é o mundo que está por facer. 

O 24 de febreiro de 1837, chegaba ó mundo Rosalía de Castro, a grande escritora galega, irreverente por natureza que había tentar saír de todas as limitacións que a sociedade lle impoñía. Cando se cumpren 181 anos do seu nacemento, o grupo RosalAuria reúnese, de novo, para reivindicar a súa figura cun roteiro na compaña dos veciños da cidade.

A estatua da Castañeira, monumento que homenaxea as mulleres galegas e os oficios que desenvolveron tradicionalmente, foi o punto de saída escollido. Un lugar simbólico para abrir as fiestras e descubrir a Rosalía feminista. Xanelas coma a que os alumnos do colexio Cardenal Cisneros elaboraron artesanalmente para conformar o decorado itinerante que acompañou a marcha polas rúas do centro da cidade. Os colectivos ourensáns aproveitaron a parada inicial para eloxiar a Rosalía. "Ela, que tantas veces foi cuestionada e atacada por ser escritora no século XIX, abriu unha fiestra para que as mulleres se asomasen ó mundo, tomasen consciencia da súa condición e se liberasen das súas pexas", explicou unha das voceiras de RosalAuria. A homenaxe continuou cos poemas de Rosalía "Eu cantar, cantar, cantéi!" e "Bos amores", recitados nas voces dos asistentes. Seguidos dos nenos que aproveitaron para abrir a fiestra por Rosalía e lanzar os seus anhelos. "Para que non exista máis machismo", apuntou un cativo. "Para que mulleres e homes sexan iguais", sinalou a súa compañeira.

A figura da Leiteira, marcou o segundo alto no camiño, acompañada dunha mensaxe de visibilización da muller. Bibiana Valladares da Asociación Amencer púxolle as súas gafas de sol a estatua como "símbolo de modernidade, como paso ó futuro, sen pechar os ollos e sen quedar caladas". Unhas verbas que deron paso ó texto: "Mentres a cidade dorme" que a escritora Celia Díaz compuxo para ler en honor a Leiteira. "Ela camiña co orgullo de saber que forma parte dunha raza de mulleres bravas, afeitas ó traballo, que amasan, cociñan, sementan e sachan, con tempo aínda para fiar e tecer, tamén para contarlle ós netos contos e cantigas", narrou en voz alta Celia Díaz. Tras deixar unha camelia no seu cántaro, o grupo continuou a marcha cara os Xardíns do Padre Feijóo, última pausa do roteiro. Onde Xulio César Iglesias da Asociación Xuvenil Amencer tomou a palabra e lanzou unha mensaxe para animar a "abrir as fiestras a sabedoría, a humanización de todo ser humano e a igualdade dos varóns e das mulleres na nosa Galicia actual".

Pola súa parte, baixo o lema "Achégate a Rosalía", o concello de Barbadás convidou onte a veciñanza a sacar os seus móbiles para facerse un "selfie" fronte ó mural adicado a Rosalía de Castro na Avenida de Celanova, para subilo despois as redes sociais acompañado dalgún verso da autora.

A provincia lembra a Rosalía

Un caldo limpo ou con fabas, de berza ou grelos, con nabos ou patacas, con chourizo, touciño, tenreira,... Celanova viviu onte un festival gastronómico con motivo de Caldo de Gloria, a celebración culinaria contorna ao Día de Rosalía, que na vila coordinou a Fundación Curros Enríquez, coa participación de medio centenar de locais. A gastronomía foi o complemento ideal a unha xornada que incluíu visitas culturais, literatura e música, co magnífico concerto didáctico de órgano onde María José Mosquera fixo vibrar aos asistentes coa interpretación de "Negra Sombra", "Unha noite na eira do trigo" ou o Himno Galego de Pondal.

Con música celebraron na libraría Maruxairas, en Allariz, o Día de Rosalía no concerto-presentación de "Camiños" de Magín Blanco. 

Te puede interesar