Rosendo Luis Fernández: “Frente a dobres gobernos, comprometo austeridade'

Pilar González, Juan Maceiras e Enrique Rodríguez, durante a entrevista co candidato do PP, Rosendo Luis Fernández. (Foto: José Paz)
Os encontros que o Foro La Región organizou cos candidatos das tres formacións con representación na Corporación municipal pecháronse onte co cabeza de lista do PP, Rosendo Fernández.
As dúas manifestacións polo soterramento do AVE non tiveron moito seguimento. É que hai pouco apoio social á súa tese?
Non é que haxa pouco apoio social, quizais o que hai é unha falta de sensibilidade porque a alta velocidade para Ourense é bastante lonxana. Como aquí sufrimos xa dous atrasos, primeiro no 2009 e despois no 2012, moitos cidadáns cren que esto se vai retrasar.

A Xunta di que o AVE non chegará ata 2018. Pensa que Fomento minte polas eleccións?
Primeiro hai que dicir que a chegada do AVE non ten nada que ver co soterramento e a integración. Se levou oito anos a chegada da alta velocidade de Santiago a Ourense, paréceme difícil que sendo unha dobre distancia e con esa complexidade, a liña da Meseta vaia estar na metade do tempo, en catro anos. Cando estaba o bipartito na Xunta se nos dixo ata a saciedade que ía chegar no 2012, foi perder as eleccións o bipartito e Touriño dixo que fóra un engano masivo e non ía chegar nesa data. Nós cremos que aínda pode chegar en 2015 pero é moi difícil.

Cales serán as súas xestións para lograr o soterramento?


Desgraciadamente, hai un documento de integración asinado, un protocolo socialista onde se deixou á Xunta de lado. Hai ese protocolo pero non se deu solución ás máis de mil alegacións de colectivos e asociacións veciñais e empresariais, polo tanto, é un mal protocolo. A miña primeira xestión será facer ver que non pode haber unha integración da alta velocidade de costas ós cidadáns. Non se pode, hai que levalo e consensualo. Se o Colexio de Arquitectos nos di que non hai razóns técnicas e económicas para non soterralo, non pode ser o capricho dun ministerio e dun alcalde sumiso o que nos faga ver esa cubrición, que non vai solucionar a fractura entre A Ponte e O Vinteún.

Que propón nos terreos liberados?


O mesmo que nas demais cidades do Estado. Destinalos para usos dotacionais de todo tipo: xardíns, pistas deportivas ... E ademais, aínda que estamos nun escenario económico difícil, tamén xeraría plusvalías.

De chegares entón á Alcaldía, partiría de cero neste tema?


Non. Haberá que facer un novo protocolo de integración no que todas as forzas políticas teñen que estar integradas e que sexa o reflexo da opinión dos cidadáns e dos axentes económicos e sociais da cidade.

Aposta, como o PSdeG, por un arquitecto de prestixio para diseñar a nova estación intermodal?

E que non temos arquitectos de prestixio en Ourense? O de buscar un arquitecto de renome é unha ocurrencia, outra máis, do actual alcalde.

Pensa que o goberno municipal fixo os deberes na situación urbanística da cidade?


Non é que non fixera os deberes, é que nin xiquera fixo caso ó omitir as peticións do grupo municipal do PP, que lle amosou que había que facer unhas normas transitorias. Fixo caso omiso, non sabemos por que, e agora nos lamentamos. Foi desidia total do goberno bipartito. E que non nos veñan confundir: a normativa ten que saír do Concello para ser aprobada pola Consellería. Levamos dous anos coa redacción do novo PXOM e é o segredo maior gardado do mundo, non sabemos cal é o contido dese plan.

Vostede encargaría un novo? A que modelo urbanístico respondería?


Hai que encargar necesariamente un PXOM porque no momento en que non sabemos cales son as liñas dese Plan, teríamos que facelo. Queremos unha cidade máis harmónica, con máis oportunidades, máis amable e con maior calidade de vida. Abogo por unha cidade máis cohesionada, dirixida á terceira idade, ós discapacitados, ós xóvenes, a todos os sectores, pero o máis importante é que a periferia e os barrios dispoñan dos mesmos servizos que o centro. Hai que integrar a zona rural de Ourense. Vemos con estupor que servizos básicos e infraestructuras necesarias aínda faltan nesa periferia e iso que Ourense tivo un Plan E por 30 millóns de euros.

Válelle o Plan Xeral de 2003?


O Plan de 2003 foi un bo plan de urbanismo. A proba está en que ata hai un mes se viu que foi válido para infraestructuras e importantes proxectos. Hoxe pode ser un espello no que mirarse pero non cabe dúbida de que os tempos mandan e temos que ver o futuro, porque Ourense ten que deixar de presumir de beirarrúas, parques e xardíns, que se presupón, teñen que ser os dunha cidade ambiciosa onde haxa traballo e os nosos recursos naturais e productivos se poñan en valor .

Anunciou recorte de gastos se gobernaba. Cal será esa política de austeridade?


Comprométome a que o 50% dos soldos innecesarios de altos cargos, de persoal de confianza, asesores, dobres logotipos e dobres sedes, desaparecerán. Ante os dobres gobernos dos bipartitos, austeridade, austeridade e austeridade. Non vou facer como o candidato socialista, que dixo que un alcalde non podía gastar un euro máis do soldo da súa profesión e enganou ós ourensáns. Polo tanto, quero comprometerme a gañar o mesmo que a última nómina que teña do Parlamento de Galicia, que vén a ser a mesma que a que tiña na miña profesión de médico.

Que lle parece que os cargos fagan público o seu patrimonio?


O meu patrimonio está no servizo correspondente da Xunta. Na política local, a transparencia é vital. Non lle sabería dicir se vivir nun piso alugado é ou non un mérito pero quixera que non se utilizaran esas cuestións para chegar á Alcaldía, porque cada un ten o que ten. Non teño por que dicir como empecei a miña vida, se merquei un piso nun barrio modesto, canto me levou pagar a hipoteca pero se alguén quere saber o que teño, aquí está o meu asesor fiscal. Os cidadáns o que necesitan é un alcalde que defenda os intereses de Ourense e non estea en liortas co tenente de alcalde. O que non pode facer un candidato a alcalde é utilizar se vive nun piso de aluguer ou propio, porque tamén habería que ver como se administra alguén que gaña cerca de 80.000 euros.

Que propón para favorecer a colectivos menos favorecidos?


Todo o que aforremos pola reducción de soldos, dobres gobernos e altos cargos será destinado a políticas sociais.

Que nota daría á xestión do bipartito en Termalismo?


O termalismo vai ser un obxectivo programático para o PP, xa que ten que ser o elemento dinamizador para esta cidade. O bipartito aínda non creou o consorcio termal, que sería o organismo independente para atraer investimentos públicos e privados. Non fixo ningunha infraestructura termal, nin unha praza de aparcamento. Todo está paralizado.

Cal é a implicación da Xunta e que solución propón para Xardín das Burgas, unha das razóns polas que está paralizada esa zona?

Sen consorcio termal non se pode desenvolver o Plan Estratéxico Termal. A Xunta, o Estado e a iniciativa privada terán que botar man dese recurso, que vai ser xerador de riqueza. Eu mesmo levei unha proposición non de lei para que o termalismo non so sexa de ocio senón tamén terapéutico, pero para iso hai que crear prazas hoteleiras. Fala vostede dun vello pleito, o de Xardín das Burgas. O primeiro que hai que facer é falar, sen diálogo non se pode solucionar nada, temos que saber cales son as verdadeiras peticións dese propietario, que non as sabemos.

Con que sensacións comeza a campaña?


Temos as máximas aspiracións. A candidatura do PP é a que máis reflexa á sociedade ourensá e ofrece un goberno municipal único, cohesionado, solvente e fiable. Temos a ilusión de levar a cabo a segunda gran transformación da cidade, xa que a primeira a fixo un goberno do PP.

Negociaría co BNG se non obtén a maioría absoluta?


O noso pacto é coa cidadanía ourensá. Agora ben, o PP non renuncia a ningún tipo de conversa con ningunha forza política democrática.

Te puede interesar