OURENSE

O Roteiro de Casares, un elixir

Aínda no ár o arume do Entroido, Domingo de Piñata en Xinzo, cando escribo, doce anos que Casares, Carlos, apagouse: así a vida, nacer, morrer, todo semella un momento, un instante, afeitos como estamos a que se produza a aparición ou epifanía. 

Mais, como o día, o amencer é sutil, ata que a luz vai escurecendo as estrelas; e na tardiña, cando o resol se esvae a noite se achega no solpor. Porque somos paso, acción, e constante tránsito, nun agora continuo. Queremos poñerlle límites, cando non é máis que unha acción, que no seu ronsel está sempre con nós, dende a memoria: así a de Casares, Carlos (CC), co seu ir e vir, nun estar sempre presente. Son doce os anos, e cánta auga ten pasado baixo a ponte! Nen a súa dona Cristina Berg, ou Marcos Valcárcel, respiran o noso mesmo ar, mais están, como CC. Iste, desta volta, no inicio do roteiro pola súa vida e obra, idea xestada e dirixida polo profesor Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.

A súa proposta, ven precedida da experiencia da ‘Esmorga’, feita con Valcárcel, e ilustrada coas imaxes en azulexo, polo artista Manolo Figueiras, quen fixa ó xeito das viñetas as estacións seleccionadas do libro de Eduardo Blanco Amor. Semella ter así un perfil similar, por máis que as persoas e os tempos sexan agora outros. Por elo a presenza no plan dos Códigos QR, sistema útil dende a tecnoloxía dos smartphones, que son moito máis que teléfonos de peto (ás veces tipo ‘libro en dieciseisavo’). Dende eles pódese ver unha ‘audioguía’. Nela poderá aparecer a ficha de visita dende a voz en off dun narrador, aínda que tamén a propia voz do escritor..., mais para facer rendible a acción hai que buscar fórmulas. Por outra banda o ideal deberá ser o desfrute do compartir dende a voz, mais ‘de visu’, onde os xestos e acenos manifestan o discurso, que se revela así dende a palabra como motor. Pois se trata de plasmar, en esencia, un xeito de escritor, que en CC era a oralidade como parte do seu ser engaiolante e singular.



UNHA VIAXE URBANA

A arte de Figueiras visibiliza e concreta o que quedaría cómo unha acción no tempo, e provoca a escolla de fragmentos no pechado mundo do libro de Blanco Amor: velaquí o poder da imaxe artística. Mais no caso de CC o plan pode ser outro, pois o que se presentou onte no Liceo ten trastenda, con fondura e amplitude dabondo. Para eso, Monxardin pescudou a súa ubicación na cidade, ata o ensanche. O espazo urbano do centro de Ourense que hoxe en día é ‘o barrio extramuros de Vilachá’, de ‘Ilustrísima’. Neste libro aparece unha paixón do escritor, o tren da película dos Lumière, descrito como ‘unha maravilla, unha locomotora lanzada a toda velocidade’. Aquí é onde podería facerse visita á ‘Colección de Trens Fernández Pacheco/Outeiriño’. E aínda hai máis...

O que estamos seguros é que a iniciativa a desenvolver será un elixir para Ourense, como os da outrora farmacia do Liceo: velaquí o ‘selfie’ de Ourense, con Carlos Casares.

Te puede interesar