Un roteiro polo centro da cidade honra a figura de Alexandre Bóveda

A pesar de que o seu nacemento se produciu o día 4 de xuño, este ano as institucións homenaxearán a figura de Alexandre Bóveda o día anterior, por caer o día propio en sábado. Para non perder a efemérides, o colectivo Amencer e a Fundación Alexandre Bóveda organizaron un roteiro que leva o nome do político ourensán e que se desenvolverá entre a medianoite do venres e as 2 horas da madrugada do sábado e que é apoiado xa por 23 colectivos sociais e culturais. Cada unha das paradas que se produza estará relacionada cos pasos que Bóveda deu mentres estivo en Ourense.
Deste xeito, a saída producirase dende o Teatro dos Salesianos, na praza de Don Bosco, onde as funcións teatrais 'axudaron a que perdera a timidade', segundo apunta o fillo do homenaxeado José Luis Bóveda. Seguirán o local do Círculo Católico, o da revista Nós, o do Partido Galeguista, o antigo Goberno Civil, a rúa dos Irmáns Villar e o Teatro Principal. O roteiro concluirá na casa natal de Alexandre Bóveda, sita na rúa da Barreira. As paradas, con todo, serán dinámicas, con interactuacións entre os asistentes.

Na presentación do roteiro estiveron, ademais de Bóveda fillo, o xerente de Amencer, Xulio Iglesias, e o presidente da fundación Vicente Risco, Luis Martínez.

Te puede interesar