Rubén Riós: “hai que facer todo o posible por xuntar as accións solidarias co noso traballo'

Rubén Riós presentará a súa nova curta. (Foto: Xesús Fariñas)
Este mércores, 23 de outubro, o Auditorio de Ourense acollerá ás 20 horas unha nova gala de Aspanas Termal, na que se presentará o proxecto 'Máis cá vida', que encabeza o actor Rubén Riós, un dos personaxes públicos máis activos en actos sociais solidarios na provincia.
Cando comeza a traballar con Aspanas Termal?
Foi hai dous anos. Eles chamáronme para participar xunto a Luis Tosar nunha das súas galas anuais, e a partir de aí coñecín o que están a levar a cabo e sorprendeume moitísimo como lle facilitaban o traballo á xente con problemas: atopeime cun mundo que non coñecía.

Que é o proxecto 'Máis cá vida'?
Dende Aspanas Termal propuxéronme facer un vídeo para a gala deste ano. Eu xa dirixira dúas curtametraxes e comenteilles que estaba capacitado para crear unha historia coa que dirixir a terceira e na que participasen membros de Aspanas Termal. Esta peza titularase 'Vida' e vai haber todo o que necesita a sociedade de hoxe en día, e cun motor que van ser os rapaces e rapazas aos que moitas veces a sociedade descarta polo simple feito de ter algún problema psicolóxico ou físico.

Cando comezará a rodaxe?
Temos previsto iniciala entre xaneiro e febreiro en varios lugares da provincia como a Praza de Abastos de Ourense, A Peroxa, o sanatorio de Toén... O guión, que escribiu Estíbaliz Veiga, ten moitísimas cousas que ver coa realidade que están a vivir as persoas de Aspanas Termal, como a sobreprotección das familias, o rencor, o cariño... A súa reacción cando lles anunciamos que eles ían ser os protagonistas da miña terceira curta foi un dos mellores momentos da miña vida.

Canta participación terán estes rapaces na curta?
Imos facer un cásting entre eles, e catro deles traballarán xunto a actores profesionais moi coñecidos. A participación da xente de Aspanas será tanto no equipo artístico coma no técnico.

Cal será o seguinte paso deste proxecto?
Chamarlle 'Máis cá vida' significa que queremos levalo máis aló. Estamos intentando facer un festival en que os protagonistas sexan estes rapaces e crear unha escola teatral para esta xente, pero imos empezar con 'Vida', porque non se debe falar de ideas, senón que hai que levalas a cabo. O que hai que facer é todo o posible por xuntar accións solidarias co noso traballo para que a xente sinta que disfruta ademais de colaborar. Non entendo por que unha persoa famosa que se adica a traballar por outra xente non ten que ter un soldo cando participa facendo aquelo polo que a coñecen. n

Te puede interesar