TEATRO

Sabela Gago: "Un criterio foi darlle espazo a muller"

<p></p>
photo_camera Imaxe do espectáculo "Inestable" da compañía Suttotos.

A directora do FITO pon en valor a programación dun festival que continúa este serán

O FITO xa aterrizou na cidade. Por diante quedan, ata o 14 de outubro, citas co teatro emerxente e de corte clásico, e cos espectáculos que misturan danza, xestualidade e títeres. Hoxe, a festa do teatro continúa con "Todas las mujeres", de Producciones Off, ás 20,00 horas no Teatro Principal, e "Contigo", de Cía Io no Auditorio Municipal, ás 22,30 horas. "De toda a programación non podería salientar unhas compañías sobre outras, porque a escolma está moi ben feita para que sexa o propio espectador o que decida que prefire", apunta Sabela Gago, directora do festival e integrante da compañía organizadora, Sarabela Teatro.


Programación variada


A oferta que do festival nesta nova edición trae a Ourense teatro iberoamericano, con obras arxentinas e chilenas; lusófono, con pezas portuguesas, e gran presenza da muller, tanto nos elencos coma nas direccións. "Os nosos criterios contemplan darlle espazo ás novas dramaturxias, ás pezas emerxentes e ás contemporáneas, así como ao papel das mulleres no teatro", explica Sabela Gago. "Son as liñas coas que se abriu fai once anos o festival, e somos fieis a elas", engade.

Gago afirma que este ano a organización non foi sinxela: "Costounos meses de negociación co Concello de Ourense, houbo que facer moitos cambios e reaxustes, pero aquí está". Do mesmo xeito, a directora quere remarcar que as subvencións permiten que os espectadores poidan acceder ás salas por un prezo de 8 euros: "Os mesmos espectáculos serían moito máis caros noutras cidades". O resultado do traballo son dez días de espectáculos variados na cidade, que ofrecen dende revisitacións de clásicos, como "Unha habitación propia" de Clara Sanchís, ata pezas "arriscadas", en palabras da directora, como "Jose K Torturado", de Moma Teatre ou "Os limóns, a neve e todo o demais", de Matarile. "En Ourense hai moita tradición de teatro e cada tipo de obras teñen o seu público", comenta.


Actividades paralelas


Xunto coa programación teatral, os ourensáns tamén teñen a posibilidade de formarse co obradoiro intensivo "O xogo, motor da creación", dirixido pola compañía Sottotus. Ademais, o FITO volve a propoñer o IV Encontro de Mulleres, que reúne a creadoras do panorama escénico. "Consideramos necesario o intercambio e o debate entre mulleres que reflexionan sobre a situación laboral actual femenina", comparte Gago. A cita terá lugar no Auditorio o venres 12, sábado 13 e domingo 14.

Te puede interesar