Sarabela leva á escea a unha familia de “Tango”

Sete actores de Sarabela dan vida a sete personaxes 'moi particulares' que conforman unha mesma familia e que acaban por ser un reflexo da sociedade. Baixo esta premisa xira o argumento de Tango, a nova proposta do grupo teatral dentro da súa andaina como compañía residente na cidade e que leva como subtítulo 'Sátira de liberación contra a pesistencia da estupidez'. Firmada polo escritor polaco Slawomir Mrozek no ano 1965, foi estreada 'hai 47 anos, pero parece feita para a época actual'.
. Son palabras da encargada de adaptar o texto de Tango e directora de Sarabela, Ánxeles Cuña, que presentou a nova montaxe xunto á concelleira de Cultura, Isabel Pérez, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Sen querer desvelar máis detalles dos precisos sobre o argumento da peza, Cuña explicou que se trata dunha obra teatral crítica que verte 'unha mirada incendiaria' sobre dous conceptos: as ideoloxías anacrónicas e as mitoloxías. Slawomir Mrozek emprega 'a mesma mensaxe que os termos totalitarios' para, a través das tolemias dunha familia, analizar os aspectos predominantes na sociedade. Durante a súa intervención, trala que lle deu paso ós actores, Ánxeles Cuña reclamou a cultura como 'necesidade compartida' para a sociedade.

Pola súa banda, os actores Fina Calleja, Lino Braxe, Nate Borrajo, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Vicente de Souza realizaron un pequeno anticipo do que os espectadores poderán ver a partir deste venres, día 23, ás 21 horas. Nese momento terá lugar no Auditorio a estrea oficial dunha peza que permanecerá en Ourense ata o día 30 e percorrerá despois diferentes vilas e cidades. Segundo indicou Isabel Pérez, a itinerancia da peza permítelle a Ourense 'facer cidade' e defendeu que a cultura 'xera emprego e riqueza'

Te puede interesar