Os edís que deixaron o pleno do venres 'sempre foron leais e fieis ao PSOE', segundo María Devesa

A Secretaría provincial do PSOE esixe 'inmediatas' solucións para facer viable o goberno local de Ourense

A Secretaría Provincial de Ourense considera 'grave' a situación creada no grupo municipal socialista da cidade das Burgas, e esixiu a adopción de solucións 'inmediatas' para a garantir viabilidade do goberno do Concello de Ourense, despois das 'decisións recentemente adoptadas e que poñen en risco a vontade democrática conseguida nas urnas'.




Segundo o escrito emitido polos socialistas ourensanos, a situación 'debe ser reconducida de forma inmediata', para o que apelan á 'responsabilidade do alcalde para xuntar ao Grupo Municipal Socialista', que está formada por 11 concelleiros elixidos baixo as siglas do partido e 'teñen ante os cidadáns a responsabilidade de garantir a gobernabilidade da cidade'.

No seu comunicado, o PSOE explica que non se escatimará 'ningún esforzo' para conseguir a unidade e esixe 'aos responsables desta situación' que garantan un Goberno municipal 'de progreso' que resolva os principais problemas da cidade.

O escrito remata coa esixencia de 'diálogo, coherencia, respecto' e adopción de solucións 'inmediatas' para a viabilidade do Grupo municipal e 'polo tanto' do goberno municipal.


REUNIÓNS PREVISTAS

Pola súa banda, o alcalde da cidade, Agustín Fernández, explicou a Europa Press, que descoñece o comunicado da Secretaría Provincial do seu partido, aínda que xa comezou a tomar medidas polo acontecido. 'E haberá moito que falar e as reunións que sexan necesarias cos cinco edís, porque seguimos sendo 11 socialistas', sentenciou.

Pola súa banda, unha das concelleiras que abandonaron o pleno do pasado venres, María Devesa, explicou, en declaracións a Europa Press, que non se considera 'díscola', senón que tanto ela como os outros catro, foron 'sempre fieis e leais ao PSOE'.

Neste sentido, precisou que se ausentaron do pleno do venres, no que se votaba a compatibilidade pedida por un dos asesores xurídicos municipais para impartir docencia na universidade, 'para non incorrer nun delito'.

Segundo Devesa, a intención dos cinco de non votar ese punto do pleno 'quedou patente na reunión previa no grupo municipal' e explicárono 'nun escrito enviado aquela mesma mañá'. 'Sempre fomos fieis ao partido e acatamos o voto, e viuse na votación anterior dese mesmo pleno no que apoiamos o alcalde ante a petición de recusación da oposición, pero agora esperamos que Agustín Fernández nos explique a suspensión de competencias de Antonio Rodríguez Penín e ata ese momento non daremos máis explicacións públicas', sentenciou.

Te puede interesar