ENTREVISTA - CULTURA

"Un segmento da poboación, nin recorda que houbo Museo Arqueolóxico”

photo_camera Xulio Rodríguez, director do Museo Arqueolóxico.

Xulio Rodríguez é director do Museo Arqueolóxico de Ourense desde 2010, aínda que leva traballando no centro desde 1982. É tamén bo coñecedor da oferta cultural que a cidade e a provincia pode mostrar ao visitante nunhas datas como as da Semana Santa.

Xulio Rodríguez é director do Museo Arqueolóxico de Ourense desde 2010, aínda que leva traballando no centro desde 1982. É tamén bo coñecedor da oferta cultural que a cidade e a provincia pode mostrar ao visitante nunhas datas como as da Semana Santa.

Cal é o estado do Museo Arqueolóxico a día de hoxe? 

O museo pechou en 2002 para facer obras de acondicionamiento e adaptalo a unha nova situación museolóxica e museográfica, posto que a montaxe que tiña era antiga. A reforma anterior que fixéramos databa dos anos 60 e a finais dos 70 se habilitaron novos espazos na zona de baixocuberta, pero a montaxe que tiña o museo non estaba adaptada aos tempos. Fíxose un proxecto no seu momento que non era realizable e a partir de aí entrouse nunha etapa condicionada pola crise económica, ata que se retomou o proxecto. Conseguiuse que o Ministerio de Cultura,do que dependemos, a través do Plan Museolóxico e dentro do Programa de Necesidades Arquitectónicas,  convocara un concurso no 2012 ao que se presentaron ao redor de 40 proxectos.

E que caracteriza ó proxecto gañador?

Este proxecto contemplaba, entroutras cousas, que se monumentalizara a portada do antigo palacio románico, descuberta nas escavacións arqueolóxicas que se realizaron durante o tempo que estivo pechado o edificio, que descubriron diversos restos,desde a Roma imperial ata a época en que se construíu o propio edificio, toda unha secuencia histórica desde o século I ata o Románico. Tamén se pedía ao proxecto que buscase solucións para integrar as escavacións arqueolóxicas dentro do discurso expositivo e dar solucións á zona expositiva, a de almacéns, etcétera. Entón encargouse a redacción do anteproxecto e cando se presentou o proxecto na oficina do PERI viuse que era necesario levar a cabo unha modificación puntual do mesmo nesa área para poder levalo a cabo, e esa modificación da ficha do PERI levou o seu tempo. Iso xa está feito e aprobado, e neste momento creo que está tamén listo o informe para tramitalo a través da comisión territorial para que o Concello poida dar licenza, que debe estar ao caer. Con esa licenza, o Ministerio de Cultura licitará a obra e, unha vez adxudicada, poderase empezar a traballar.

E o presuposto?

É unha obra presupostada en algo máis de 11 millóns de euros e o tempo de execución dependerá dos orzamentos do Estado; en principio pensábase en tres anualidades, aínda que se chegou a falar de dúas. En todo caso,creo que é un proxecto que lle dará un aire de modernidade a todo o conxunto. O único elemento engadido é a cuberta do patio central, que será a destinada a acoller as exposicións temporais. Por outra banda, están moi estudadas as circulacións, co que se evitará que se mesturen os ámbitos públicos cos do persoal do edificio. Hai que pensar que estamos intervindo sobre un románico civil, algo moi escaso, e que ten unha torre gótica e elementos renacentistas ou barrocos; é como un libro que narra a historia da cidade.

Cal será o plan expositivo?

Contémplanse tres liñas diferentes. Por unha banda, dáse a coñecer a historia da cidade, en relación coas Burgas e demais; despois a do propio edificio e, para rematar, a da provincia.

Pódese considerar o museo arqueolóxico o gran descoñecido?

Pois é claro que se pechamos no 2002 e estamos no 2018, hai 16 anos no medio e un segmento da poboación que non recorda nin que houbo aí un museo. En todo caso, o Arqueolóxico é moito máis que o espazo expositivo, aínda que contamos coa pequena sala Escolma de Escultura en San Francisco, onde se dá unha pequena visión da evolución desta arte na provincia, desde a Idade de Bronce ata practicamente os nosos días, e aí ofrécese tamén a Peza do mes que se vén realizando desde 1999. Por outra banda, o museo segue recibindo todas as pezas correspondentes ás escavacións realizadas na provincia. O museo segue conservando e restaurando, e tamén investiga e difunde, a través das súas exposicións temporais.

Como ve o escenario de espazos expositivos da cidade?

Temos unha oferta polivalente e interesante, con diferentes salas e algunha que outra colección, así como a mostra dos suevos, que está sendo foco de atracción, pero penso que falta o referente, que é o museo arqueolóxico, ou tamén, que xa falei diso nalgunha ocasión, un museo de Belas Artes onde non soamente se integrasen as coleccións do propio museo senón outras dependentes doutros organismo a nivel provincial ou local, e inclusive obras de coleccións privadas.

Que ofrece Ourense ao visitante de Semana Santa?

Sobre todo patrimonio, coa arte da cidade e o casco histórico, aínda que requira outra volta. E despois, a nivel provincial temos a Ribeira Sacra; tódolos xacementos arqueolóxicos, algúns deles musealizados, como é o caso de San Tomé, un dos primeiros que o fixo a nivel de Galicia, nunha primeira fase con fondos europeos e unha segunda apoiada pola Fundación Barrié, e tamén Castromao, San Cibrao de Las... Por outro lado, temos mosteiros e moitas rutas. Por exemplo, se imos a Celanova, temos o mosteiro de San Miguel, Santa Comba de Bande e o Aquis Querquennis... Somos unha provincia rica en patrimonio cultural e natural, pero tamén en termalismo, aínda que hai que traballar. O feito de que non exista na cidade un gran balneario é un hándicap, cando xa no século XIX existía un proxecto de gran balneario na proximidade de As Burgas. O que falta por crear é ese paquete que conxugue termalismo, patrimonio cultural, natureza e gastronomía, para poder vendelo. E tamén poñer os medios. Eu levo tempo pedindo que na autovía a Vigo se poña un cartel anunciando o parque cultural de San Cibrao de Las a dous kilómetros; estou convencido de que moita xente que o vise, se ía desviar. É unha forma de atraer xente aos nosos monumentos.

Cales son os seus proxectos inmediatos?

O Museo está traballando nunha exposición sobre o 175 aniversario do nacemento de Marcelo Macías. Ademais, no 2020 se cúmprense os 100 anos do nacemento da xeración Nós, que no se tería dado sen a figura de Marcelo Macías e a comisión provincial de monumentos, na que coincidiría con Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino Cuevillas. Penso que Ourense tense que preparar como debe para a conmemoración do centenario da xeración Nós, e ten que ocupar un espazo importante nesta celebración.

Te puede interesar