INFRAESTRUCTURAS

Unha senda facilitará o acceso á estación do AVE na Gudiña

Unha nova senda peonil na estrada OU-533 facilitará o acceso á nova estación do AVE, no concello da Gudiña. A Consellería de Infraestruturas acaba de adxudicar as obras á empresa Consernor S. L. e terán un prazo de execución de tres meses. 

Os traballos consistirán, segundo fontes da administración autonómica, na construción dunha senda de formigón pola marxe esquerda da estrada. Prolongarase, neste senso, dende o punto quilométrico 0,070, no paso baixo o ferrocarril, ata as proximidades da localización da futura estación Porta de Galicia.

Por outra banda, o itinerario terá unha anchura de 2,50 metros desde o inicio e ata o punto onde abandona a marxe da estrada e pasa a discorrer máis afastada, aproveitando a antiga calzada, onde, ao dispoñerse de máis espazo, se ampliará ata os tres metros.

O obxectivo é mellorar a accesibilidade á nova estación, aínda que, puntualizaron, é preciso resolver a súa continuidade por parte de Adif nos terreos internos da terminal e no paso inferior, que provoca un estreitamento e unha redución de gálibo que debe ser solucionada. A Xunta xa lle trasladou esta cuestión a Adif, pero, segundo sinalaron, non houbo resposta.

Te puede interesar