Sonia Rúa: "O teatro é peza fundamental na educación das persoas"

Sonia Rúa.
photo_camera Sonia Rúa.
É a directora a obra teatral “Tic Tac”

A Miteu segue traendo obras ao Teatro Principal. Nesta ocasión, hoxe, ás 21 horas, poderase asistir ao espectáculo Tic Tac, baseado no libro de Suso de Toro do mesmo nome e que trata a vida dun personaxe central, o Nano, que funciona como fío condutor para coñecer a tódolos personaxes que o foron educando -e ao resto da sociedade-, como curas, militares ou diferentes pais. Esta adaptación teatral está codirixida por Casilda Alfaro e Sonia Rúa, da Aula de Teatro do Campus de Vigo.

Nervios por actuar no Teatro Principal? 

Non, os nervios normais dun día dunha actuación. Ademais, para moitos integrantes do elenco non será a primeira vez que se suban ás táboas do precioso Teatro Principal.

Que é Tic Tac?

É unha dramaturxia do libro de Suso de Toro, na que o seu personaxe principal, o Nano, vai relacionándose a través das portas do seu pasado con diferentes figuras que o formaron durante a súa vida. Nunca sae de escena e funciona como fío condutor de toda a obra e de todos os personaxes, interactuando coas persoas máis relevantes na súa vida: os diferentes pais, curas, militares e todo tipo de personaxes que non só o marcaron a el, senón ao conxunto da sociedade.

Por que recomendaría ver esta obra?

Pola marabillosa adaptación teatral, que mesmo sorprendeu ao propio Suso. A primeira vez que a viu dixo: “eu escribín isto?”. Ademais tamén a recomendo porque é moi entretida, e o público pode pasar da risa ao choro dun momento a outro.

Que importancia teñen mostras como a Miteu?

O teatro é unha peza fundamental na educación das persoas na nosa sociedade. Ademais, tamén axuda a pór en valor o traballo destas aulas de teatro universitarias.

Te puede interesar