Taboadela investirá en enerxías limpas grazas a unha axuda de 870.000 euros

O Concello de Taboadela acadou unha subvención de 868.623,16 euros a través do proxecto DUS 5000, un plan promovido polo Goberno central de axudas para investimentos en proxectos de enerxía limpa en municipios de reto demográfico. Deste xeito, poderanse financiar a totalidade das planificacións que se levarán a cabo no municipio con fondos europeos.

Dende o goberno municipal subliñan que se trata dun proxecto de “gran calado” para o concello e que permitirá “impulsar” a eficiencia enerxética, así como promover a sustentabilidade en Taboadela. Abordará múltiples aspectos, levando a cabo acccións “significativas”, apuntan fontes municipais, “para mellorar a eficiencia enerxética e reducir as emisións de carbono en varios edificios e áreas clave da localidade”.

As liñas de actuación contemplan diversos tipos de iniciativas. A primeira céntrase na rehabilitación enerxética de edificios como a Casa do Concello, o Centro de Saúde e a Escola Infantil. A segunda prevé a instalación de dous sistemas solares fotovoltaicos que alimentarán instalacións como o polideportivo, a casa consistorial, a escola, o campo de fútbol, o centro de saúde e a iluminación pública. Ademais, substituiranse as caldeiras de gasóleo existentes en diversos edificios por novas instalacións de aerotermia, e electrificarase o parque móbil municipal.

O alcalde, Álvaro Vila, destacou que se trata du proxecto “ambicioso” que pretende adaptar o concello “ás enerxías do século XXI”. Ademais de aforrar cartos, sostén, posicionará Taboadela “como un referente en sustentabilidade”.

Te puede interesar