Taboadela rehabilitará dúas vivendas para aluguer social

A vivenda que o Concello de Taboadela rehabilitará en Vilar.
photo_camera A vivenda que o Concello de Taboadela rehabilitará en Vilar.
Están situadas nos núcleos de San Xurxo e Vilar e o Concello prevé telas rematadas en outubro

O Concello de Taboadela licitou recentemente dúas obras de rehabilitación de dúas vivendas en ruínas nos núcleos de San Xurxo e Vilar, para recuperar estas edificacións e adicalas a aluguer social para persoas que teñan dificultades de acceso á vivenda. O conxunto de ámbolos dous traballos ascende ata máis de 220.000 euros, cofinanciados entre o Concello e a Xunta a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que aportará 40.000 euros para cada unha das obras. O prazo de execución é de pouco máis de oito meses, polo que as casas deberían estar rematadas o 15 de outubro deste ano.

O alcalde do municipio, o socialista Álvaro Vila, indica que estas actuacións teñen un dobre obxectivo: “Por unha banda, recuperar dúas vivendas -que foron cedidas ao Concello por particulares- centenarias ás que, na actualidade, só lles queda a fachada”. Por outra parte, Vila explica que o concello ten “varios casos de demandantes de vivenda social”, e atópanse co problema de “non poder solucionar esa situación ao non dispor na actualidad de ningunha vivenda social que ofrecerlles”. “Con estas rehabilitacións, ademais de recuperar as vivendas, revalorizamos os núcleos nos que se atopan e podemos axudar ás persoas que teñen máis dificultades para acceder a unha vivenda”, expón Vila.

Casa no núcleo de San Xurxo.
Casa no núcleo de San Xurxo.

O rexedor de Taboadela argumenta que este tipo de iniciativas, ademais de poñer fin a posibles situacións de conflito e de dar “marxe de manobra” ao Concello neste tipo de casos, tamén son unha boa medida para “loitar contra a despoboación e, en lugar de construír nova vivenda social toda xunta, optamos por recuperar casas existentes en diferentes núcleos”. Ademais, Vila vai máis aló e anuncia que “este ano imos solicitar outra rehabilitación máis, polo que teríamos, a principios do ano que vén, tres vivendas públicas no concello”.

Te puede interesar